Santiago Freire salienta que “o investimento para a remodelación da praza de abastos consolida a viabilidade a longo prazo dos seus establecementos”

Santiago Freire salienta que “o investimento para a remodelación da praza de abastos consolida a viabilidade a longo prazo dos seus establecementos”
Santiago Freire salienta que “o investimento para a remodelación da praza de abastos consolida a viabilidade a longo prazo dos seus establecementos”

A directora xeral de Comercio visitou os postos de venda en Noia para coñecer de primeira man o estado destas instalacións antes do comezo das obras

O alcalde de Noia, Santiago Freire; a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez; a concelleira de Comercio, Laura Salgado,  e o presidente da cooperativa de praceiros USPAN, Guillermo López, visitaron a praza de abastos de Noia para profundar no seu estado antes do comezo do proxecto que mellorará o seu aspecto estético e a súa funcionalidade.  O Concello de Noia asinou un convenio coa Xunta de Galicia mediante o cal se sentan as bases para remodelar este emblemático espazo. O executivo local recibirá algo máis de medio millón de euros do ente autonómico, e aportará o mesmo investimento. Para a obra deste edificio destinaranse máis dun millón de euros.

O alcalde de Noia incidiu no agradecemento por parte do Concello pola inversión e o compromiso da Xunta con este proxecto. “É moi relevante para a vila, posto que consolida a viabilidade a longo prazo dos numerosos establecementos que hai neste espazo tan dinámico. A firma deste convenio é unha gran nova para Noia, xa que falamos dun investimento moi significativo que permitirá facer unha remodelación integral, sen ter que estar acometendo actuacións individuais de xeito constante”, explicou Santiago Freire.

A directora xeral de Comercio destacou que “o convenio xa é unha realidade  e os traballos comezarán nun prazo moi breve para materializar unha obra que consideramos imprescindible porque é unha oportunidade única para mellorar o comercio de proximidade da vila de Noia”. Baixo a súa perspectiva, espazos coma esta praza consolidan puntos vitais nestes tempos de pandemia, xa que cando outros formatos non poden abastecer, eles están ao carón dos veciños como demostraron nestes meses nos que serviron a domicilio.


Proxecto plurianual

O convenio asinado polo Concello de Noia e a Xunta de Galicia é o froito de varios meses de traballo no que se intentou dar resposta a todos os requirimentos dos establecementos desta praza, e se analizou como cumprir cos criterios establecidos de patrimonio para este edificio do casco histórico. Do mesmo xeito, realizouse un proceso de valoración histórica da construción para conservar na medida do posible o deseño inicial.

Trátase dun convenio plurianual, polo que no 2020 farase a adxudicación, e a partir dese momento establecerase un programa de execución baixo a premisa de limitar as posibles interferencias no traballo diario dos establecementos da praza. O obxectivo é non pechar a praza en ningún momento, polo que se contempla unha primeira fase na que a obra se centre na fachada exterior e na colocación dun ascensor; unha segunda fase na que se remodelará a planta superior –na que hai menos postos-, e unha terceira etapa na que se tentará buscar unha alternativa para que os praceiros non teñan que pechar os seus negocios en ningún momento. Ao longo das vindeiras semanas comezará o proceso de licitación da obra, que se desenvolverá nos seguintes meses.   

Comentarios
Lo más