A SD Compostela lanza a súa campaña de abonos

A SD Compostela lanza a súa campaña de abonos
A SD Compostela lanza a súa campaña de abonos

O lema da campaña, “#AIlusióndeSantiago”, fai mención á ilusión polo regreso á Segunda División B e ao sentido de pertenza coa cidade

Unha tempada ilusionante, así se presenta a volta á Segunda División B para a SD Compostela. O club regresa á división de bronce do fútbol nacional e alí espera estar acompañado, de novo, dos seus máis fieis seguidores. Por iso, a campaña de abonos deste ano leva o lema de “#AIlusióndeSantiago”, en referencia ao sentido de pertenza coa cidade.

Con esta premisa, a entidade branquiazul pon mañá (mércores 2 de setembro) á venda os abonos da Tempada 2020/21, un curso no que se abrirá de novo a bancada de Preferencia. A campaña virá marcada polo 25% de desconto que terán os abonados do curso pasado e este poderase acumular tamén ao 10% de desconto que recibirán todos aqueles que destinen o 75% do seu abono á Fundación SD Compostela.

Ata tres serán as opcións para poder darse de alta ou renovar o abono da SD Compostela. Por vía presencial poderase realizar nas Oficinas do Club (de luns a venres de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00) e na Tenda Oficial do Club, Rúa da Raíña 8 (luns, de 15.30 a 21.30; martes a sábado, de 11.30 a 21.30; e domingo, de 11.30 a 17.30). A maiores, tamén se habilita a vía telemática, a través do banner situado na páxina principal da web do club (www.sdcompostela.com) ou na pestana web de “Abónate”.

Nesta ocasión, o rango de prezos dividirase entre Tribuna e Preferencia. Con esta dobre opción multiplícanse as posibilidades para abonarse. Por outra banda, mantéñense os descontos para xubilados, parados e menores de 30 anos, así como para os menores de idade, quen só pagarán unha mínima cantidade no caso de ir a Tribuna.

Os prezos quedan da seguinte maneira:

TRIBUNA

- Xeral: 120€

- Xubilados e parados: 100€

- Menores de 30 anos: 90€

- Menores de Idade: 10€ (Non inclúe o desconto da Fundación).

- Empresas (6 Abonos): 600€ (Só por transferencia na conta do club)

PREFERENCIA

- Xeral: 120€

- Xubilados e parados: 100€

- Menores de 30 anos: 80€

- Menores de Idade: Gratis

- Empresas (6 Abonos): 540€ (Só por transferencia na conta do club)

A maiores, como novidade, engádese a opción do “Abono Siareiro”, para aquelas persoas que non residan en Santiago (envío gratuíto só á Península Ibérica). Este terá un prezo de 25€ e levará consigo o envío dunha bufanda, un llavero, un pin e a asistencia a un partido da tempada que non sexa medio día do club. Neste caso, recoméndase poñerse en contacto coa entidade a través do mail tienda@sdcompostela.com.

Estes prezos corresponden co Abono Virtual, o cal portará cada abonado no seu teléfono móbil. No caso de que o desexen en formato físico, este terá un suplemento de 5€. Por outra banda, este ano non haberá reserva de asento debido á situación sanitaria provocada pola covid-19. Os abonos inclúen todos os partidos de Liga Regular, fóra dos partidos que sexan declarados como medios días do club.

Por último, todos os abonados gozarán dos tradicionais descontos en locais de Santiago e comarca que colaboren coa SD Compostela, os cales se irán anunciando a través das redes sociais do club.

Presentación da campaña

O acto de presentación da nova campaña de abonos realizouse esta mañá na Sala de Trofeos do club, onde estiveron presentes Ramón Castro, director das Relacións Institucionais e Javier Puñal, director de márketing e desenvolvemento de negocio.

O propio Javier quixo agradecer a todos os patrocinadores que axudan ao club nesta nova tempada, en especial a Cobres San Rafael, que seguirá apoiando en primeira liña á SD Compostela. Ademais, animou á xente a que se abone e que se involucre co club “nunha tempada ilusionante”.

Comentarios
Lo más