Lousame e a USC ofrecen seis charlas formativas gratuítas para maiores de 50 anos

Lousame e a USC ofrecen seis charlas formativas gratuítas para maiores de 50 anos
Lousame e a USC ofrecen seis charlas formativas gratuítas para maiores de 50 anos

As sesións terán lugar entre o 1 e o 20 de outubro na Casa da Cultura

O Concello de Lousame e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha unha nova edición de “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, un programa gratuíto de formación universitaria dirixida a veciños e veciñas maiores de 50 anos.

Esta iniciativa, froito dun convenio asinado entre ambas institucións, forma parte do Programa Universitario de Maiores e inclúe tres seminarios teóricos, un obradoiro práctico e dúas saídas, que terán lugar entre o 1 e o 20 de outubro. A matrícula é gratuíta e pode formalizarse na Casa da Cultura ou chamando ao 981 82 57 80, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Programa

As actividades organízanse por parellas, de forma que cada seminario teórico ten a súa contraprestación práctica, ben en forma de visita cultural ou de obradoiro. Os tres seminarios terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Lousame, en horario de 16:30 a 18:00 horas.

O primeiro deles será “O papel da parroquia na historia de Galicia a través de Lousame”, impartido o xoves 1 de outubro por Anxo Rodríguez Lemos, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Como complemento deste curso, o venres 2 de outubro, de 16:30 a 18:00 horas, o profesor Anxo Rodríguez guiará unha visita á igrexa parroquial de San Martiño de Fruíme.

O segundo seminario, “Cambio climático, ou o que podemos perder”, será impartido o venres 9 de outubro por José A. Rodríguez Añón e Jorge Proupín Castiñeiras, profesores da Facultade de Física da USC, que tamén guiarán unha visita á planta de compostaxe de Lousame, que terá lugar o venres 16 de outubro, de 10:30 a 12:00 horas.

Finalmente, o luns 19 de outubro programado o curso “Seminario 100 anos de historia do cine galego. De Miss Ledya a O que arde”, impartida por Álvaro Dosil Rosende, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Este mesmo docente dirixirá o obradoiro de narrativa cinematográfica que terá lugar o martes 20 de outubro.

“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Lousame, que contan coa colaboración da Consellería de Política Social, a Deputación Provincial da Coruña e o Banco Santander.

Comentarios
Lo más