Unha nova aceleradora de proxectos impulsará a creación de empresas de economía social

Unha nova aceleradora de proxectos impulsará a creación de empresas de economía social
Unha nova aceleradora de proxectos impulsará a creación de empresas de economía social

O prazo para inscribirse nesta iniciativa permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de setembro

Fomentar o emprendemento para crear empresas de economía social que melloren a calidade de vida da sociedade, é a meta da nova aceleradora de proxectos que acaba de ver a luz na USC. Esta iniciativa está dirixida a estudantes e futuros emprendedores que poderán mellorar as súas competencias e reducir o tempo de posta en marcha dos seus proxectos. A inscrición para tomar parte na aceleradora pode realizarse en liña ata o 24 de setembro ou contactando a través do enderezo proxectoeusumo.usc@gmail.com. As actividades da aceleradora desenvolveranse entre o 28 deste mes e o 13 de novembro.

As persoas interesadas, á hora de formalizar a inscrición, poderán elixir entre formación en liña a través de webinars, titorías individuais, busca de financiamento ou participar nunha mostra de economía social que servirá para que empresas e emprendedores podan dar a coñecer a súa actividade.  “Os obxectivos principais desta nova aceleradora son fomentar o emprendemento a través da mellora dos coñecementos e as competencias, incentivar a creación de empresas de economía social, reducir o tempo de posta en marcha dos proxectos e favorecer o salto de escala de proxectos de economía social”, explica o profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC e promotor da aceleradora, David Rodeiro, pertencente ao grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada.

Este programa está dirixido, principalmente, ao alumnado universitario, ás persoas emprendedoras con proxectos de economía social, ás empresas de economía social que aposten por un salto de escala e outras empresas que queiran transformarse en entidades de economía social.

A iniciativa enmárcase no programa de actuación 2020 de Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social e que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Experiencias previas

A USC participou con anterioridade, e xunto a outros socios de Galicia e o Norte de Portugal, nun proxecto denominado ‘LACES Economía Social’. O fin último dese proxecto foi contribuír ao fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. A meta consistía en conseguir un salto cuantitativo na capacidade para xerar e consolidar emprego a través da execución de programas piloto para a competitividade e impulso de empresas de economía social no espazo transfronteirizo, e así actuar como fonte de coñecemento e innovación para lograr modernizar as estratexias de promoción e apoio a esta economía solidaria e colaborativa, favorecendo, deste xeito, a consolidación e creación de empresas e emprego de calidade na eurorrexión.

Comentarios