CA lamenta o fracaso da convocatoria de subvencións para asociacións culturais e insta ao Goberno a realizar un novo procedemento

CA lamenta o fracaso da convocatoria de subvencións para asociacións culturais e insta ao Goberno a realizar un novo procedemento
CA lamenta o fracaso da convocatoria de subvencións para asociacións culturais e insta ao Goberno a realizar un novo procedemento

Só se rexistraron 12 solicitudes e dez delas foron desestimadas, cando na convocatoria de 2018 foran 22 as entidades beneficiarias das axudas

A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra lamentou este luns o fracaso da convocatoria de subvencións para asociacións de actividades culturais, “unhas axudas por concorrencia competitiva no ámbito cultural que se puxeron en marcha durante o pasado mandato e que veñen de sufrir un importante retroceso no seu desenvolvemento”.

Este ano, só 12 entidades presentaron a súa solicitude, e dez delas foron excluídas, “un resultado que é moi preocupante, tendo en conta que na convocatoria de 2018 entregáranse axudas a 22 asociacións”.

A concelleira Branca Novoneyra explicou que o Boletín Oficial da Provincia publicou o 14 de agosto a resolución da convocatoria de subvencións para asociacións culturais, e segundo o decreto asinado pola concelleira Mercedes Rosón foron únicamente 12 as entidades que solicitaron a axuda. Delas, 10 foron excluídas, na maioría dos casos por non figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, e dúas quedaron pendentes de presentar documentación para poder optar ás subvencións. Para Branca Novoneyra, “este resultado da convocatoria é sorprendente e preocupante, sobre todo tendo en conta que no procedemento que se desenvolveu en 2018 foron 22 as entidades beneficiadas, eque o sector cultural está a sufrir especialmente as consecuencias da Covid-19”.

“Necesario traballo de acompañamento”

Branca Novoneyra explicou que, durante o pasado mandato, fíxose un “importante traballo previo de xuntanzas co sector, que neste caso non se realizou, e tamén houbo un acompañamento no que tén que ver coas cuestións máis técnicas da convocatoria, algo fundamental porque estamos a falar de asociacións non profesionais”. Para a concelleira, “este traballo de mediación é fundamental en convocatorias que son relativamente novas, porque é preciso que os potenciais beneficiarios coñezan ben como funcionan as bases e cales son os prazos, e máis nun momento tan complexo como o que estamos a vivir nestes momentos”.

Branca Novoneyra incidiu en que “existe o risco de que os 50.000 euros previstos para esta convocatoria de subvencións finalmente non sexan destinados a gasto cultural, e cremos que estas axudas semellan especialmente necesarias no momento que vivimos por mor da pandemia”. Por ese motivo, Compostela Aberta pedirá no próximo Pleno que o Goberno local publique unha nova convocatoria urxente e express de subvencións para asociacións de actividades culturais, ampliando os prazos para a xustificación das axudas. Ademais, o grupo municipal de CA pedirá que o Concello poña en marcha un plan formativo para fortalecer o asociacionismo cultural na cidade, co obxectivo de lograr unha adaptación efectiva das actividades culturais ao actual contexto da Covid-19.

Comentarios
Lo más