Compostela Photo propón un percorrido fotográfico para coñecer os recantos máis simbólicos da cidade xacobea

Compostela Photo propón un percorrido fotográfico para coñecer os recantos máis simbólicos da cidade xacobea
Compostela Photo propón un percorrido fotográfico para coñecer os recantos máis simbólicos da cidade xacobea

O artista visual Fuco Reyes guiará aos participantes o sábado 19 desde as 11 da mañá; as inscricións están aínda abertas

Fotógrafos profesionais e afeccionados poderán compartir o próximo sábado 19 unha mañá percorrendo as rúas e os espazos máis singulares de Santiago. O percorrido fotográfico, organizado dentro da programación do festival Compostela Photo, descubrirá algúns recantos simbólicos da cidade xacobea e do final do Camiño de Santiago.

Compostela Photo, a mostra de imaxes que adornan os portóns de 15 garaxes do Ensanche santiagués, é unha iniciativa de Santiago Centro co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.

O percorrido comezará ás 11h. e o punto de encontro é a Galería Metro (rúa Xeneral Pardiñas, nº 12‐ 16). Os fotógrafos estarán acompañados polo artista visual Fuco Reyes, participante na exposición de Compostela Photo. El será o encargado de levar aos participantes a recunchos imprescindibles para comprender a cidade e retratala. A actividade durará dúas horas e media, aproximadamente, e para anotarse é preciso enviar un correo ao mail compostelaphoto@santiagocentro.gal.

Esta actividade está incluída dentro da programación de Compostela Photo, que cubriu coa obra de quince fotógrafos consagrados e emerxentes os portóns doutros tantos garaxes do Ensanche. As imaxes, centradas no Camiño de Santiago, reproduciranse durante todo un ano, convertendo a zona nun atractivo para locais e foráneos durante todo o ano. Cun formato novidoso e integrado na cidade, Compostela Photo quere, por unha banda, promover o coñecemento das creacións de fotógrafos contemporáneos entre o público, e, pola outra, poñer en valor a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago. Un terceiro obxectivo é a dinamización da vida cultural e comercial no Ensanche.

Comentarios
Lo más