Goretti Sanmartín: “O alcalde non pode consentir que os fondos da depuradora supoñan un incremento no recibo da auga”

Goretti Sanmartín: “O alcalde non pode consentir que os fondos da depuradora supoñan un incremento no recibo da auga”
Goretti Sanmartín: “O alcalde non pode consentir que os fondos da depuradora supoñan un incremento no recibo da auga”

O BNG insiste en que Bugallo debe negociar o convenio coa Xunta e co Estado tendo en conta que se trata dunha obra de interese xeral cun custe que se debe asumir con fondos públicos na súa totalidade

“Unha vez feitas públicas algunhas declaracións ao respecto da posibilidade para a obtención de novos fondos para a depuradora despois de perderse os do anterior período, esperamos que finalmente sexa unha realidade a construción desta infraestrutura necesaria para non seguir contaminando as augas do noso concello”, sinalou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Deste xeito, presentou unha pregunta para que o alcalde aclare se vai consentir que os fondos do novo convenio entre Concello de Santiago, Goberno da Xunta e Goberno do Estado para construír a estación depuradora de augas residuais vaian implicar a súa devolución en forma de préstamo e repercutir nunha suba no recibo que pagará a veciñanza, de ir ligado ao Plan de Recuperación Económica e Social da UE para responder á situación de emerxencia sanitaria derivada da covid-19.

“O BNG xa advertiu desde hai anos que a demora na tramitación, derivada dos cambios de emprazamento e de modelo de proxecto da depuradora, podería implicar a perda da subvención dos fondos europeos a custe cero e que tivesen que pagar estas instalacións os composteláns e compostelás mediante un incremento na tarifa da auga”, destacou.

Goretti Sanmartín explicou que espera que a noticia de que os fondos para a depuradora se asignen cos recursos comunitarios destinados á covid-19 non repercuta nos recibos da auga nin nun préstamo que se teña que devolver do peto da veciñanza.

O BNG insiste en que o alcalde de Santiago debe negociar o convenio coa Xunta e co Estado de xeito transparente tendo en conta que se trata dunha obra de interese xeral cun custe que se debe asumir con fondos públicos e se inicie esta obra canto antes, co obxectivo de evitar que continúen as verteduras ao río Sar.

Comentarios