CA demanda medidas para que todas as praceiras poidan acceder ao mercado de abastos

CA demanda medidas para que todas as praceiras poidan acceder ao mercado de abastos
CA demanda medidas para que todas as praceiras poidan acceder ao mercado de abastos

Marta Lois lamenta que o Goberno de Bugallo siga sen responder á petición dunha xuntanza para revisar o cumprimento do acordo sobre os orzamentos de 2020

A voceira de Compostela Aberta, Marta Lois, reclamoulle ao Goberno que “poña en marcha as medidas que sexan necesarias para garantir que todas as praceiras do Mercado de Abastos poidan vender os seus produtos de proximidade en condicións de seguridade no actual contexto”. A concelleira lamentou que estas mulleres foran expulsadas da Praza “xusto no momento do ano de maior produción, e sen que mediara diálogo algún con elas por parte do Concello”.

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha proposición que tén como obxectivo garantir que todas as praceiras e labregas que habitualmente venden as súas colleitas na Praza de Abastos poidan seguilo facendo, como aconteceu ata o pasado 4 de setembro. Tal e como explicou Marta Lois, ese día o Concello remitiu unha orde á xerencia da Praza pola que se restrinxía o número de postos para estas mulleres, xa a partir do día seguinte. Deste xeito, apuntou a voceira de CA, “no sábado 5 de setembro moitas praceiras chegaron ao mercado cos seus produtos, sen saber que non ían poder vendelos porque non foron informadas das restricións coa antelación debida”. A concelleira salientou que “os produtos que traen estas mulleres á Praza son especialmente perecedoiros, estamos no momento de realizar as colleitas, e se non poden vendelas como tiñan previsto as colleitas acabaránse estragando e as consecuencias económicas serán moi negativas”.

Ampliar espazos

Marta Lois lamentou que diante das normas ditadas pola Xunta de Galicia, “o Goberno local non saiba reaccionar procurando alternativas, como sería a ampliación do espazo destinado ás praceiras para que puideran manter o mesmo número de postos coas distancias de seguridade que se consideran acaídas”. Nesa liña, a concelleira apuntou que “o Concello pode deseñar lugares de ocupación alternativos na contorna da Praza de Abastos para fixar temporalmente todos os postos das praceiras, mesmo recuperando algunha das localizacións que historicamente tiveron estas vendedoras no ámbito do mercado”.

Para a voceira de Compostela Aberta, o Goberno local “volve mostrar parálise e falta de iniciativa diante das consecuencias desta pandemia, botando balóns fora en cuestións que son da súa responsabilidade e trasladando a idea de que foi a xerencia da Praza quen improvisou na aplicación dunhas ordes que lle foron transmitidas sen tempo e sen alternativas”. A concelleira incidiu na obriga que tén o Concello de preservar a identidade da Praza de Abastos, “que é un emblema da cidade, no que teñen un rol único as praceiras e labregas que coas súas cestas cargadas cada semana achegan os seus produtos do agro aos consumidores, achegando un importante valor social e cultural á Praza que debe ser non só respectado, senón tamén difundido”

Sen noticias de Bugallo

Marta Lois aproveitou a súa comparecencia de hoxe para lamentar que o Goberno de Bugallo non teña respondido á petición que lle formulou Compostela Aberta hai un mes, para celebrar unha xuntanza na primeira quincena de setembro co obxectivo de avaliar o cumprimento do acordo asinado para a facilitación dos orzamentos municipais de 2020. A voceira de CA entende que “esta é unha mostra máis de que este Goberno, que leva 15 meses de andaina, non tén iniciativas, non tén ideas, e mantén un absoluto bloqueo nos temas de interese para a cidade”

Comentarios