Unha quincena de artistas actuarán no festival maré, que "renace" en Santiago do 24 ao 27 de setembro

Unha quincena de artistas actuarán no festival maré, que "renace" en Santiago do 24 ao 27 de setembro
Unha quincena de artistas actuarán no festival maré, que "renace" en Santiago do 24 ao 27 de setembro

O festival de música e artes atlánticas maré presentou esta semana en rolda de prensa no Hotel NH de Santiago de Compostela a primeira edición dunha nova etapa en Compostela tras a experiencia de 15 anos de Cantos na Maré en Pontevedra. Nesta edición condicionada pola pandemia, o festival celebrarase do 24 ao 27 de setembro, incluirá unha ducia de eventos e contará coa participación dunha quincena de artistas. Na rolda participou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Un dos principais atractivos desta maré será o seu cartel musical, que inclúe as actuacións do angoleño Toty Sa´Med e a galega Ugia Pedreira (xoves 24), a brasileira LaBaq e o trío formado por Nacho Muñoz, Faia e LAR Legido (venres 25) e os portugueses António Zambujo e Miguel Araújo, a luguesa Sabela, o grupo vigués Bifannah e a directora artística de cantosnamaré, Uxía (sábado 26).

Ademais, nesta edición maré integra o sábado 26 a celebración da Gala dos Premios da música e a poesía galego-portuguesas "aRimar", na que se distinguirá aos músicos António Zambujo e Sabela, aos poetas Carlos da Aira (Galicia) e Raquel Lima (Portugal) e á ex directora xeral da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e antiga Ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello.

Na presentación de maré participaron o director de Nordesía Producións -organizadora de maré-, Vítor Belho; o director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela e do certame aRimar, Gonzalo Constenla; a cantante Ugia Pedreira; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón.

"Oportunidade de traballo para artistas e profesionais"
O organizador de maré, Vítor Belho, explicou que a chegada deste acontecemento a Santiago débese a que "Compostela é o escenario ideal dende o que debuxar un mapa de conexións culturais, históricas e emocionais que coloquen a Galicia e o seu talento nunha maré de encontros, diálogos e intercambios". "O fin é que Galicia chegue ao mundo e o mundo chegue a Galicia", resaltou, antes de indicar que "esta maré tamén chega como unha oportunidade de traballo para artistas e profesionais, ao tempo que serve como unha válvula de escape para o público".

Pola súa parte, Gonzalo Constenla xustificou a integración da gala do certame aRimar en maré "polas limitacións para a organización dun evento desas características nun ano diferente e estraño" e por tratarse "dunha iniciativa irmá, con grande experiencia e renome en toda a Lusofonía".

Na súa intervención, Jacobo Sutil recoñeulles aos organizadores do festival "a súa capacidade de adaptación e de seguir evolucionando cara a novas fórmulas para constituirse nunha cita obrigada para público e profesionais, sen perder a fidelidade ao seu espírito de irmandande coa lusofonía a través da música".

"Santiago, epicentro deste macroevento cultural"
Finalmente, a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, pechou o acto agradecendo a elección de Compostela "como epicentro deste macroevento cultural, artístico, social e profesional", que busca mesturar a creación, novos talentos e a industria musical, literaria, cinematográfica e gastronómica para buscar novos públicos.
Comentarios
Lo más