Goretti Sanmartín: “O cambio da cuberta da piscina de Sar chega tarde”

Goretti Sanmartín: “O cambio da cuberta da piscina de Sar chega tarde”
Goretti Sanmartín: “O cambio da cuberta da piscina de Sar chega tarde”

Precísanse novas instalacións para a práctica da natación no concello de Santiago 

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advertiu que o cambio da cuberta da piscina de Sar se produce con moita demora e vai supoñer que as persoas abonadas perdan a tempada para usar estas instalacións.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o BNG leva desde 2016 a traballar para reclamar que se cambiase o globo da piscina de Sar e a decisión para acometer esta obra chega tarde, tendo en conta a falta de eficiencia enerxética que supuxo durante este período e os problemas de falta de seguranza e hixiene que ocasionou ao estar tan deteriorado. O arranxo provisional realizado no anterior mandato, como xa advertira o BNG, foi un parche que non resultou suficiente e supuxo unha perda de tempo e de recursos económicos, engadiu.

Para o BNG, o feito de ampliar o horario das instalacións de Santa Isabel é unha decisión positiva mais non é abonda para acoller as persoas que queren proseguir coa práctica desta actividade deportiva e saudábel. Así, Goretti Sanmartín empraza o alcalde a axilizar as xestións necesarias para construír a nova piscina de Santa Marta, ademais de dotar dunhas instalacións con dimensións adecuadas e de carácter olímpico para o adestramento profesional.

Nestes tempos de pandemia, cómpre buscar máis alternativas como poden ser o estabelecemento de convenios con outras administracións, coa USC para o uso das piscinas universitarias ou mesmo con privadas como as do Aeroclub ou ximnasios.

Comentarios
Lo más