Frades inicia a segunda roza nos seus máis de 300 km de estradas asfaltadas

Frades inicia a segunda roza nos seus máis de 300 km de estradas asfaltadas
Frades inicia a segunda roza nos seus máis de 300 km de estradas asfaltadas

Ten previsto rozar 10,5 hectáreas de parcelas grazas ao convenio de prevención e loita contra lumes forestais asinado con Medio Rural

O Concello de Frades vén de rematar a primeira fase dos traballos de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. Uns traballos que permitiron rozar un total de 120 quilómetros de pistas de monte durante este mes de setembro.

O concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “unha vez completada a roza das pistas de monte, imos darlle unha segunda pasada ás estradas asfaltadas e das parroquias, que se fixeron nos meses de maio e xuño, para ter en nas mellores condicións os eixos de comunicación do noso concello”. Unha actuación que supera os 300 quilómetros de pistas.

Parcelas e áreas recreativas

A maiores, ata o vindeiro 21 de outubro está a traballar unha brigada municipal de 5 persoas contratada ao abeiro do convenio de prevención e loita contra lumes forestais, asinado coa Consellería do Medio Rural. Cinco profesionais que, ademais de estaren ao servizo do Distrito de Ordes diante de calquera lume forestal que poida acontecer, levan xa rozadas máis de 7 hectáreas de parcelas municipais e que contan co visto bo do Distrito. “O obxectivo é que ao rematar os tres meses do convenio poidamos ter rozado 10,5 hectáreas de terreo”, explica Ferreiro Marzoa.

Finalmente, durante os últimos meses operarios municipais acometeron traballos de conservación e mellora das distintas áreas recreativas existentes no concello. No caso concreto da área recreativa da Presa (Gafoi) aproveitaron para reparar os danos causados o mes pasado tras uns actos vandálicos. Así mesmo, aproveitouse para reparar as dúas comportas da área recreativa.

Comentarios