Piden a Bugallo que as concellerías expliquen como lles afectou a Covid

Piden a Bugallo que as concellerías expliquen como lles afectou a Covid
Piden a Bugallo que as concellerías expliquen como lles afectou a Covid

Os Populares solicitan informes e comparecencias en comisión dos concelleiros delegados a fin de que se expliquen os axustes ou adaptación que se teñan feito ata o de agora na actividade municipal, así como as liñas de actuación adaptadas á crise da Covid que se prevén para 2021 e ás súas repercusións económicas

O Grupo Municipal Popular someterá á consideración do Pleno de mañá unha proposición para que se emitan os correspondentes informes e se produzan as comparecencias dos concelleiros delegados en comisión a fin de explicar os axustes ou adaptacións á nova situación -derivada da crise da Covid- que se teñan feito ata o de agora na actividade municipal, así como a fin de que se expliquen as liñas de actuación, adaptadas á referida crise, que se prevén para o 2021 coas súas repercusións económicas.

Elementos de xuízo

O portavoz do Grupo Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, advirte que “non se pode convocar o debate sobre o estado do Concello nin se pode abrir o debate orzamentario sen dispoñer dunha radiografía xeral da afectación da crise da Covid á actividade, aos obxectivos, as prioridades, a eficacia ou a eficiencia da actividade municipal, xa sexa no ámbito da súa actividade prestacional, de fomento ou de ordenación”, e a modo de exemplo apunta a alterada prestación dos contratos de servizos ou o número alterado de beneficiarios ou destinatarios de políticas públicas como situacións que cómpre transparentar.

“Unha información exhaustiva sobre unha situación radicalmente nova é imprescindible para ter elementos de xuízo que permitan debater sobre o proxecto de previsións orzamentarias ou sobre o Estado do Concello, sen vernos obrigados a afirmar que o estado de municipio, desde o punto de vista da actividade, é opaco”.


Información e comprensión

Conclúe o portavoz Popular que “a información sobre o verdadeiro alcance do problema é indispensable para poder ser comprensivo e colaborador co Goberno municipal” e para descartar que unha situación de parámetros administrativos alterados oculte calquera tipo de neglixencia ou de desviación de poder municipal”.

Comentarios
Lo más