Aberta a inscrición para os tests de nivel do CLM que terán lugar o vindeiro 30 de setembro

Aberta a inscrición para os tests de nivel do CLM que terán lugar o vindeiro 30 de setembro
Aberta a inscrición para os tests de nivel do CLM que terán lugar o vindeiro 30 de setembro

Inglés, alemán, catalán, francés, galego para non falantes, italiano e portugués son os idiomas que integran a oferta do Centro de Linguas Modernas da USC

Centro de Lingua Modernas (CLM) da USC mantén aberto o prazo para formalizar a inscrición de cara aos tests de nivel que se desenvolverán o vindeiro día 30 de setembro. O alumnado interesado en tomar parte nas mesmas debe solicitalo a través da súa secretaría virtual.

Aos cursos regulares anuais de inglés que se ofertan no Campus de Santiago, tamén en modalidade semipresencial, súmanse os cursos regulares semestrais de alemán, catalán, francés, galego para non falantes, italiano e portugués. A oferta do Campus de Lugo está integrada polos cursos semestrais regulares de alemán, francés, galego para non falantes, inglés e portugués.  

O CLM impulsa ademais no Campus de Santiago, cursos específicos para o primeiro semestre de alemán por destrezas, cursos de preparación para os exames ‘Certificats B i C de Català’ do Instituto Ramon Llull, así como cursos semi-intensivos de inglés B1.1, B1, B2 e C1. Alén disto, tamén se oferta un seminario de checo para o contexto universitario. As sesións de conversa presenciais ou en liña en inglés nivel intermedio e avanzado e ‘Listening and Speaking Skills B1, B2’ completan a oferta en ambos os dous campus. Nesta ligazón, pode consultarse o programa completo do CLM.

Cursos de español como lingua estranxeira

A  USC convoca tamén,  para o  ano  académico 2020-2021, a matrícula nos cursos de español como lingua estranxeira (ELE) dirixidos especialmente ao alumnado da   Universidade que chega a través do programa ERASMUS+, distintos convenios da USC ou vías similares. Os cursos están abertos a calquera persoa interesada maior de 16 anos, como servizo de apoio complementario á educación universitaria. Nesta ligazón, poden consultarse os prazos e condicións de acceso.

Comentarios
Lo más