Unha investigación da USC desvela que ametade dos emprendedores reorientan o seu modelo de negocio en Galicia por mor da COVID-19

Unha investigación da USC desvela que ametade dos emprendedores reorientan o seu modelo de negocio en Galicia por mor da COVID-19
Unha investigación da USC desvela que ametade dos emprendedores reorientan o seu modelo de negocio en Galicia por mor da COVID-19

O Informe GEM 2019-2020 elaborado por investigadores da USC destaca tamén o significativo crecemento do emprendemento rural feminino

Só o 4% dos emprendedores abandonaron os seus plans para 2020 mentres que o 45% está reorientando o seu modelo de negocio. Son conclusións do Informe GEM-Galicia 2019-2020, elaborado polos investigadores da USC Loreto Fernández Fernández, Isabel Neira Gómez, Sara Fernández López, Emilio Ruzo Sanmartín, David Rodeiro Pazos, Marta Portela Maseda e Jacobo Feás Vázquez. Segundo os datos recadados, a COVID-19 afectará en 2020 a todas as fases do proceso emprendedor, aínda que de modo distinto. “Despois de 50 días de confinamento, en abril de 2020, tan só o 4% dos futuros emprendedores abandonaran os seus plans de emprender e un 35% paralizáranos, pero aínda atopabamos un 45% que sinalaba que cambiaría o seu modelo de negocio mantendo a súa intención emprendedora”, explican os autores da investigación.  

Neste senso, o 97% dos emprendedores vía oportunidades de negocio aínda que fora de xeito excepcional (29%), só no caso de empresas diversificadas (25%), en actividades relacionadas coa crise sanitaria (28%), ou en xeral para calquera empresa (15%). Tan só o 3% dos emprendedores entrevistados non vían oportunidades para ningunha empresa. Por outra banda, os expertos consultados a mediados de xullo de 2020 apuntaron cara a necesidade dunha axuda máis directa por parte do Estado, financiando un emprendemento innovador e reducindo a presión fiscal sobre os emprendedores. Estas recomendacións destacan, asemade, a potenciación do comercio interior e da economía de proximidade, reducindo costes fixos de determinadas industrias ou fomentando a colaboración entre empresas e individuos, especialmente aos “poseedores de capital” cos “poseedores de ideas”.

“En épocas como as que vivimos, os emprendedores potenciais, aqueles que manifestaban ter intención de crear unha empresa —10% no caso masculino e 7% no feminino, en 2019—, constitúen a base do futuro crecemento económico, e deben tratarse con especial atención, xa que se trata de persoas activas e cunha visión diferente das oportunidades da poboación en xeral”, apuntan os autores.

Emprendemento feminino e rural

A actividade emprendedora medida polo Total Entrepreneurial Activity (TEA) caeu levemente no 2019 situándose no 5,3%. Isto quere dicir que aproximadamente 5 de cada 100 persoas de entre 16 a 64 anos estaban involucradas en procesos emprendedores de entre 3 e 42 meses de actividade empresarial. Delas, o 53% eran autónomas e o 41% tiñan entre 1 e 5 empregados. Destas iniciativas, o 48% estaban orientadas ao consumo. Segundo os datos recadados, o 28% dos emprendedores tiñan estudos universitarios, distribuídos de forma equitativa entre homes (53%) e mulleres (47%). Ademais, no 2019 afianzouse o pulso do emprendemento feminino que, cun TEA do 6,8%, fronte ao 3,7% masculino, ocupaba unha situación de liderado se o comparamos co resto das comunidades autónomas en España, só superada por Cataluña.

Trátase, igual que no caso dos seus homólogos masculinos, de iniciativas de mulleres con estudos primarios ou secundarios, 74% do total. Atendendo ás súas características, na súa meirande parte pertencen ao sector servizos (47%), a empresas de pequena dimensión (62%) e situadas en contornas urbanas (71,7%). Neste senso, o informe salienta o significativo crecemento do emprendemento rural, co 28,3% do total de iniciativas en 2019, o que supón, xunto co feminino, o maior impulso do emprendemento en Galicia. O seu TEA, de case o 10% sobre o total da poboación rural, duplicaba a media galega, sendo aínda maior no caso feminino: o 11,6% das mulleres rurais galegas estaban involucradas en 2019 en iniciativas emprendedoras de até tres anos de vida. “Todo isto pode indicar que o nicho de oportunidades emprendedoras con capacidade de consolidarse no futuro, pode ser o contexto rural”, apuntan os autores do informe. Na elaboración desta investigación, a USC contou coa colaboración de investigadores da UDC, UVigo, Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e Federación Galega de Xoves Empresarios (FEGAXE).

Comentarios