Malestar en Santiago e comarca polo convenio do transporte metropolitano

Malestar en Santiago e comarca polo convenio do transporte metropolitano
Malestar en Santiago e comarca polo convenio do transporte metropolitano

Demandan maior información por parte da Consellería e solicitan unha xuntanza urxente

A xuntanza telemática da comisión de seguimento do Transporte metropolitano, realizada esta semana, colleu de sorpresa aos poucos presentes ante o anuncio da sinatura dun novo convenio para os vindeiros catro anos e a premura nos prazos dados por Mobilidade para o seu estudio e aprobación.

A xuntanza, na que non se puido aprobar a acta anterior por falta de quórum, tan só contou coa presenza de 7 Concellos (Santiago, Ames, Teo, Oroso, Brión, Vedra e Touro) dos 18 Concellos que compoñen a área de transporte metropolitano de Santiago. Dentro da orde do día recollíanse tres puntos: o análise da situación de 2019; as novas actuacións programadas; e a renovación do convenio existente, pero entre a documentación aportada na convocatoria tan só se enviaba a acta correspondente á ultima xuntanza da comisión de marzo de 2019, sen que se axuntase copia do convenio a asinar.

O anuncio realizado da sinatura dun novo convenio para os vindeiros catro anos colleu por sorpresa á maioría dos presentes. Desde Mobilidade xustificouse a necesidade de aprobar un novo convenio ante a imposibilidade de poder seguir prorrogando o anterior polo disposto na Lei 40/2015 de 1 de outubro de réxime xurídico do sector público. O convenio actual data do ano 2010 e foise prorrogando ano tras ano a pesares das moitas solicitudes realizadas para un novo documento. Desde a Consellería de Infraestruturas anunciouse a necesidade de apurar os prazos e de ter o convenio asinado e aprobado antes de finais do presente ano.

O Director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, indicou que os Concellos terán que facer as súas achegas antes do vindeiro 6 de outubro, e levar a aprobación definitiva do convenio aos seus órganos municipais para ser remitidos antes do 13 de novembro. A maioría dos Concellos asistentes indicaron o seu malestar coa premura de datas e a dificultade existente para poder realizar achegas a un documento do que non se tiña nin o borrador. O que se pretende desde a Xunta é que en 7 días laborais os Concellos estuden o novo convenio e remitan as súas propostas. Para os Concellos estes prazos “non deixan tempo para un estudio detallado, debate interno e contraposición política mesmo cos grupos da oposición”.

Nas intervencións realizadas amosouse na rolda de preguntas a preocupación dos Concellos por non ter tempo para poder traballar nun documento tan importante como é este novo convenio e que xa no 2015 se solicitaba ser mudado por resultar obsoleto. As dificultades actuais que atravesan os Concellos non permiten poder realizar unhas alegacións a un texto que non se coñeceu ata o día de onte e a pesares de saberse desde hai meses que era necesario mudar por imperativo legal. Lamentan os Concellos que non se dera información previa sobre este punto meses atrás nin se comentara na última sinatura do convenio, hai 18 meses, en marzo de 2019, si xa se coñecía a necesidade de realizar un novo texto.

Por outra banda, desde a Dirección xeral, dentro do segundo punto da orde do día, informouse do novo sistema de transporte que se está a deseñar desde a Consellería e que irá implementándose ao longo dos vindeiros meses. En diversas xuntanzas da Comisión de seguimento expúxose a necesidade dun cambio do formato do transporte actual e solicitouse o estudio dun consorcio do transporte que dea servizo ao primeiro cinto da área de Santiago, por ser esta a que acumula maior número de viaxeiros. O anunciado parece que descarta este modelo demandado.

Licitación das novas liñas de transporte

Ao longo da xuntanza da comisión nada se falou sobre o estado das licitacións do transporte metropolitano. Nese sentido, só ante a pregunta de varios Concellos informouse da previsible posta en funcionamento destas novas liñas no mes de decembro deste mesmo ano.

No apartado de preguntas os Concellos solicitaron información acerca do proceso de licitación das novas liñas, xa que ata o momento non se trasladou información sobre as ofertas presentadas e o mantemento dos proxectos aprobados e das alegacións presentadas por algúns deles. Nalgún dos casos salientouse a necesidade dunha maior coordinación e información, xa que as liñas postas en funcionamento xa na actualidade están a causar queixas por parte da veciñanza polos novos horarios implementados.

Neste sentido os Concellos con liñas xa en funcionamento manifestaron o incumprimento das condicións de licitación no referente a frecuencias e horarios, afirmando descoñecer as condicións dos contratos asinados pola Dirección xeral, o que preocupa ao resto de Concellos que están á espera da entrada en vigor das súas liñas.

Para tratar con maior detalle este punto, os Concellos de Santiago, Ames, Teo, Oroso, Brión e Negreira solicitan unha reunión de urxencia coa Dirección xeral de Mobilidade, onde poder expoñer o detalle das problemáticas existentes e onde se traslade a información das ofertas presentadas polas compañías de transporte. O anuncio feito de que as novas liñas entrarán en funcionamento no mes de decembro, así como o feito da posta en funcionamento na actualidade dalgunhas liñas, sen información previa aos Concellos, son feitos que precisan do carácter urxente desta xuntanza e solicitada polos Concellos asinantes.

Comentarios