O artista multimedia Arturo Carrión representa a visión bidimensional do ser humano nunha mostra en Santiago

O artista multimedia Arturo Carrión representa a visión bidimensional do ser humano nunha mostra en Santiago
O artista multimedia Arturo Carrión representa a visión bidimensional do ser humano nunha mostra en Santiago

A Asociación Área Empresarial do Tambre acollerá desde o luns a exposición de 30 pinturas de arte óptica-xeométrica e lúdica   e dous vídeos Art

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acollerá desde o luns, 28 de setembro, a mostra "Planomorphosis – Lo visual bidimensional" do artista Arturo Carrión, orixinario de Venezuela pero asentado desde hai anos na Ramallosa (Teo).

Na exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 23 de outubro, exhibiranse dous vídeos Art e 30 pinturas de arte óptica-xeométrica e lúdica, traballadas con técnicas mixtas –acrílicos, airbrush e ensamblaxes– sobre lenzo e madeira en caixas americanas de pequeno e mediano formato, realizadas entre 2019 e 2020 na corentena pola covid-19.

Segundo sinala Carrión, a súa obra fai referencia ao plano visual bidimensional no ser humano. Fai unha homenaxe á tridimensionalidade real a través da virtualidade, independentemente das concepcións filosóficas que formula en cada serie pictórica, tanto psicolóxicas como ópticas.

Esta serie, denominada “Khromakinesis”, está subdividida nas obras “Tubulares”, “Orbitales”,  “Khromavolumes”, “Levitables”, “ Esferoides” e “Entreplanos”, baseadas na representación do volume, o espazo e a busca para o espectador do movemento óptico no espazo bidimensional como experiencia lúdica. Ofrécelle ao observador a enerxía do movemento subxectivo que produce a representación volumétrica, apoiada nas formas, a luz e as sombras nese espazo estruturado polas dúas dimensións, ademais de ter en conta a lonxitude ou ancho e a altitude ou altura onde se manifesta a imaxe.

Traxectoria do artista multimedios

Arturo Carrión naceu en Maturín Edo. Monagas (Venezuela) en 1953. Estuduo formación artística con mencións en pintura e escultura en 1976 na Escola de Artes Audiovisuaiss Cristóbal Rojas, de Caracas, e máis tarde, en 1981, cursou estudos de comunicación audiovisual na Universidade Simón Bolívar.

Actualmente, está dedicado a súa obra plástica, aínda que durante 24 anos, de 1973  a 1997, compartiu esta actividade profesional coa docencia como profesor de debuxo e pintura, escultura, deseño gráfico, artes gráficas, aerógrafo, historia da arte contemporánea en diversas institucións venezolanas.

En 1997, trasladouse a Europa, primeiro pasando por New York, e con permanencias en Londres, París, Salzburgo, Núremberg, Berlín, Múnich, Barcelona, Madrid, Oporto, Lisboa e  Santiago de Compostela. Realizou multitude de exposicións individuais e participou en máis de 300 colectivas.

A obra de Arturo Carrión está representada en importantes coleccións privadas, nacionais e internacionais: Canadá, España, Colombia, Bélxica, EE.UU., Italia, Inglaterra, Francia, Suecia, Austria, Alemaña, Puerto Rico, Arxentina, Chile,  Costa Rica, Brasil, Panamá e Venezuela.

Comentarios