O IV Seminario Permanente en Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO reflexionará sobre a autoría feminina

O IV Seminario Permanente en Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO reflexionará sobre a autoría feminina
O IV Seminario Permanente en Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO reflexionará sobre a autoría feminina

Esta iniciativa que se desenvolverá os días 19 e 20 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación abre o seu prazo de inscrición, de balde, ata o día 16 deste mes

O Seminario Permanente en Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO abre as portas da súa cuarta edición baixo o lema 'Contra a desmemoria', coa intención de reflexionar sobre a autoría feminina, a necesidade de apoderamento do relato e a importancia da diversidade de ollares na construción de representacións e discursos interculturais. O seminario terá lugar os días 19 e 20 de outubro de 2020 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

Esta actividade está especialmente dirixida a profesionais e persoal investigador no ámbito da comunicación, a estudantes dos Graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo, así como ao público xeral interesado en abordar os medios e as industrias culturais dende unha lectura e análise críticas.

A inscrición, de balde, está aberta ata o 16 de outubro a través do formulario dispoñible na web do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. De cara ao cumprimento das medidas de seguridade e hixiene sanitarias esixidas polas autoridades, limítase a 60 o número de prazas presenciais desta edición. Todas as persoas matriculadas poderán seguir as actividades tanto de maneira presencial como por streaming.

Con propostas dende o cinema documental, o traballo con imaxes de arquivo, a pescuda nos diarios íntimos das adolescentes ou mesmo a performance e o autorrelato, este cuarto CO(M)XÉNERO convida a recuperar a identidade e a memoria, así como a poñer en cuestión a hexemonía do discurso androcéntrico e da chamada historia oficial. Para iso, o seminario contará coa participación de docentes, investigadoras e cineastas como Rosa Cabecinhas do Instituto de Ciências Sociais da Universidade do Minho; Xiana do Teixeiro, creadora de Tódalas mulleres que coñezo e Crías; Carolina Astudillo autora de Ainhoa, yo no soy esa e El gran vuelo; e Nuria Giménez Lorang, creadora de My mexican bretzel; alén da artista interdisciplinaria Monica Mura.

Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, o CO(M)XÉNERO conta nesta cuarta sesión co financiamento da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2017 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas.

Comentarios
Lo más