USC, referente en voluntariado universitario

USC, referente en voluntariado universitario
USC, referente en voluntariado universitario

Máis de 3.100 estudantes dos campus de Lugo e de Santiago participaron o curso pasado en programas de voluntariado, segundo a Fundación Mutua Madrileña





A USC mantén a súa posición de liderado no conxunto da universidade española en canto á participación do seu estudantado nos diversos programas e acción de voluntariado promovidos pola institución académica ou xunto con outras entidades colaboradoras, segundo se desprende do VIII Estudio sobre Voluntariado Universitario, un informe relativo ao curso 2019-2020 que vén de facer público a Fundación Mutua Madrileña, que, entre outros cometidos, pretende coñecer a implicación das universidades españolas no fomento e posta en marcha de accións solidarias.

O estudo, elaborado a partir dos datos rexistrados de 34 universidades españolas (42%) e de 75 organizacións non gubernamentais con sede en España, eleva a 21.158 a cifra de estudantes universitarios que ao longo do curso pasado participaron ou desenvolveron algún dos 2.071 proxectos impulsados desde as universidades españolas. Estas cifras apuntan que o alumnado universitario implicado en acción de voluntario no curso 2019-20 medrou un 10% respecto ao anterior exercicio académico, ao tempo que subliña a implicación de preto da metade deste colectivo de persoas voluntarias en máis dun proxecto.

O número de estudantes da USC implicados en accións de voluntariado ao longo do ano académico 2019-20 superou os 3.120 nos campus de Lugo e de Compostela, unha cifra tan so superada pola Universidade Politécnica de Madrid, que contabiliza máis de 5.000 estudantes voluntarios.

Incidencia da pandemia

A pandemia provocada pola COVID-19 propiciou o impulso de diversos proxectos e iniciativas solidarias relacionadas por parte de moitas universidades españolas, según se recolle neste estudo, no que tamén se apunta que a infancia, os maiores e os grupos de poboación en situación de risco ou exclusión social son os proxectos máis secundados polo alumnado universitario.

A dimensión de xénero é outro dos parámetros nos que pon o foco o VIII Estudio sobre Voluntariado Universitario, un informe no que se sinala que o 68% dos estudantes adheridos a este tipo de acción solidarias son mulleres, aínda que a implicación de voluntarios masculinos pasou do 13% ao 31% respecto ao curso anterior. Asemade, a maioría dos voluntarios son estudantes de titulacións da rama das ciencias sociais e xurídicas.

A duración dos proxectos de voluntariados impulsados polas universidades é variable, aínda que, segundo se desprende do estudo elaborado pola Fundación Mutua Madrileña, o 76% dos programas nos que  colabora o alumnado a  través  da  universidade teñen una duración superior a tres meses. Unha de cada tres accións realizadas prolónganse entre tres e seis meses e o 31% dos proxectos de voluntariado esténdense entre seis meses e un ano de duración. Respecto da temática das intervencións, as necesidades advertidas por mor do coronavirus capitalizaron boa parte dos proxectos de voluntariado con implicación universitaria, actuacións que, como non podía ser doutro xeito, tamén amosan unha sensibilidade especial pola cooperación para o desenvolvemento, a muller ou a conservación medioambiental.

Comentarios