Asinados os convenios de colaboración con Médicos do Mundo e a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento

Asinados os convenios de colaboración con Médicos do Mundo e a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento
Asinados os convenios de colaboración con Médicos do Mundo e a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento

En total percibirán 25.000 euros

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, asinou os convenios de colaboración correspondentes a 2020 coas entidades sociais Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, que percibirá 15.000 euros en axudas; e coa asociación Médicos do Mundo, que recibirá unha subvención de 10.000 euros.

Os 15.000 euros destinados á Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento está previsto que subvencionen o proxecto "Compostela+Solidaria", un conxunto de actividades de sensibilización que ten por obxectivo fomentar a reflexión sobre as realidades migratorias, pondo en valor a interculturalidade ao tempo que promove a corresponsabilidade social na construción dun mundo máis xusto que evite as migracións forzadas. Con esta finalidade está previsto organizar actividades coma un Cineforum Social, a feira "Alternativas contra o cambio climático", unha campaña contra os prexuízos raciais e culturais, a exposición "Tecedoras do Cambio"; ou una feira de comercio xusto e consumo responsable.

A asociación Médicos do Mundo percibirá unha axuda de 10.000 euros. O proxecto subvencionado céntrase na crise da Covid-19 e consiste na atención individual para persoas inmigrantes, a formación de profesionais sanitarios, o desenvolvemento do traballo en rede coas institucións e a vixiancia do cumprimento do dereito á saúde. 
Comentarios