Bota a andar unha nova edición do Programa de Innovación Akademia

Bota a andar unha nova edición do Programa de Innovación Akademia
Bota a andar unha nova edición do Programa de Innovación Akademia

A participación na presente edición terá carácter gratuíto para o alumnado da USC e servirá para poñer en valor todo o coñecemento técnico adquirido nos cursos universitarios

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e Uninova impulsan en colaboración coa Fundación Innovación Bankinter unha nova edición do Programa de Innovación Akademia. Esta iniciativa consiste nun curso en liña que se desenvolverá en tres convocatorias distintas para adaptarse mellor aos distintos horarios do alumnado. Na edición deste ano, os mozos e mozas terá a oportunidade de integrarse en grupos formados por estudantes das catro universidades participantes: USC, Politécnica de Valencia, Pompeu Fabra e Universidade de Loyola. A diferencia dos anos anteriores, a participación na presente edición terá carácter gratuíto para o alumnado da USC.

O programa Akademia quere poñer en valor todo o coñecemento técnico adquirido nos cursos universitarios, mostrando como se poden crear produtos ou servizos innovadores cun valor sostible para a nosa sociedade. A través desta iniciativa, mozos e mozas de diferentes universidades e diferentes carreiras realizarán unha viaxe práctica para experimentar un proceso de innovación real, dende aprender a predicir tendencias futuras ata o desenvolvemento dun algoritmo baseado na intelixencia artificial.

O programa está organizado en oito sesións dunha hora de duración cada unha, que serán impartidas por diferentes expertos nun formato de debate. Os contidos van dende a innovación, a enerxía ou as telecomunicacións como base para aprender a innovar e adiviñar tendencias, a contidos máis específicos como big data, algoritmos ou aprendizaxe automática, que permiten comprender o concepto de intelixencia artificial para poder aplicalo os alumnos nos seus propios campos de coñecemento.

Horarios e inscricións

O calendario das sesións contempla tres opcións: os luns ás 19.00 horas, sendo a data límite de inscrición o xoves 22 de outubro; os mércores ás 12.30 horas, tendo como data límite para solicitar a participación, o venres 23 de outubro; e o xoves ás 13.00 horas. As persoas que se decanten por esta última opción poden inscribirse ata o 30 de outubro. Os grupos serán de 20 prazas cada un deles. Para inscribirse hai que enviar o currículo ao enderezo akademiafibk [at] bankinter.com ou ben rexistrarse a través da páxina web https://www.fundacionbankinter.org/akademia premendo na propia universidade. Para máis información, pode contactarse con UNINOVA en rosamaria.sanchez [at] usc.es ou no teléfono 881 815 596.

Comentarios
Lo más