Dous nenos acudiron ao CHUS con lesións nos ollos causadas por xeles hidroalcohólicos

Dous nenos acudiron ao CHUS con lesións nos ollos causadas por xeles hidroalcohólicos
Dous nenos acudiron ao CHUS con lesións nos ollos causadas por xeles hidroalcohólicos

Os servizos de Pediatría e Oftalmoloxía  da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza alertan sobre o risco en menores a causa das exposicións accidentais aos xeles hidroalcohólicos. 

Aínda que a maioría dos casos que se ven son leves, nestes últimos días dous nenos da área sanitaria compostelá tiveron que recibir asistencia hospitalaria por unha  afectación ocular grave.

Ante esta situación o xefe do servizo de pediatría, Federico Martinón, indica que “se hai unha exposición  accidental nos ollos deste tipo de produtos, se debe actuar con rapidez lavando a zona con auga abundante e recibir asistencia médica inmediata”. Asemade, a responsable de urxencias pediátricas, Susana Rey, fai fincapé “na necesidade de manter estes xeles fora do alcance dos nenos e que o seu uso sempre estea supervisado por un adulto”.

Pola súa banda a doutora Teresa Rodríguez Ares, xefa de sección da unidade de córnea do servizo de oftalmoloxía da área, recorda que “se deben extremar os coidados sobre todo cos dispositivos que quedan á altura dos ollos dos nenos, pois este tipo de queimaduras poden deixar un dano ocular grave , orixinar úlceras corneais que poden requirir tratamento cirúrxico con perda de visión”.

Hai uns días o Servizo de Información Toxicolóxica do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, publicaba o aumento significativo de intoxicacións accidentais por xeles hidroalcohólicos en nenos durante a pandemia e pedía precaución co uso deste xeles.

Segundo  Susana Rey, no que vai de 2020 aumentaron un 900% os casos de intoxicación con respecto ao total do 2019, e a maioría deuse a causa da inxesta en menores.

Comentarios
Lo más