Lousame aproba por unanimidade un crédito de 313.000 € para financiar os gastos da licitación de obras dos POS 2019 e 2020

Lousame aproba por unanimidade un crédito de 313.000 € para financiar os gastos da licitación de obras dos POS 2019 e 2020
Lousame aproba por unanimidade un crédito de 313.000 € para financiar os gastos da licitación de obras dos POS 2019 e 2020

Aprobada unha modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa do Punto de Atención á Infancia

O Pleno municipal de Lousame celebrou unha sesión plenaria extraordinaria e urxente na que ambos os dous puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade e sen debate polos tres grupos municipais (PP, PSOE e BNG). A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia no interese de que as bonificacións da taxa do Punto de Atención á Infancia (PAI) puideran entrar en vigor o antes posible e no límite do 30 de novembro para a licitación das obras do POS + 2019.

Así, o Pleno aprobou o crédito extraordinario 33/2020 mediante o que se dota de crédito nas aplicacións orzamentarias do Concello de Lousame, financiado con cargo ao préstamo provincial 2019 e 2020 do POS + 2019 e 2020 por un importe de 313.805,39 euros. Teresa Villaverde explicou que con estes máis de 313.000 euros poderase sacar a licitación o proxecto “Pavimentación en Béxeres e outros”, correspondente ao ano 2019 e que inclúe 4 actuacións:  pavimentación en aglomerado en Béxeres, pavimentación do camiño Silva-Seoane,  pavimentación do camiño de acceso ao Club de Xubilados dende a CP-4201 e melloras dos accesos a Vilar de Reconco.

Así mesmo, inclúense os proxectos do ano 2020 como o acondicionamento do camiño entre Vilacoba e Vilar de Recouso, dotado con 66.434 euros. Outros 58.901 euros servirán para mellora do acceso a Pousada desde a estrada de Portobravo a Tállara, así como dun camiño transversal en Merelle. Un terceiro proxecto servirá para pavimentar viais en Guiende (Tállara) e no acceso a Merelle, entre outros tramos, sumando 43.398 euros. Finalmente, resérvanse 38.430 euros para o acceso a Comparada e unha pavimentación en Bargo.

PAI

Finalmente, o Pleno aprobou unha modificación na ordenanza fiscal reguladora da taxa do PAI para introducir unha bonificación do 100% para o segundo e sucesivos irmáns/irmás, tal e como está a aplicar a Xunta de Galicia. Unha bonificación que fora aprobada en setembro pasado pero que, tal e como estaba redactada, podía interpretarse como que limitaba o acceso á bonificación a aquelas familias que xa tiveran un fillo/a no PAI, cando o requisito é que este en calquera estadio do sistema educativo.

“Queremos tramitalo por vía de urxencia para que se aplique canto antes xa que é de interese público”, indicou Teresa Villaverde. Esta modificación, que será sometida a información pública por un período de 15 días hábiles, supón tamén a anulación da aprobada na sesión de setembro deste ano.

Comentarios
Lo más