Piden medidas urxentes para mellorar a mobilidade na zona educativa de Lamas de Abade

Piden medidas urxentes para mellorar a mobilidade na zona educativa de Lamas de Abade
Piden medidas urxentes para mellorar a mobilidade na zona educativa de Lamas de Abade

Evaristo Ben explicou que o Goberno de Sánchez Bugallo debe facer o necesario para mellorar as condicións de tráfico e seguridade viaria nesta zona, sen prexuízo de axilizar a redacción e execución do necesario Plan de Mobilidade específico para esa área, tal e como se acordou en marzo de 2019 polo conxunto da Corporación

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Evaristo Ben, presentará un rogo no vindeiro Pleno ordinario do Concello de Santiago no que se lle solicita ao Goberno local que adopte medidas urxentes co fin de mellorar a mobilidade na contorna dos centros educativos de Lamas de Abade.

O Popular explicou que o Goberno de Sánchez Bugallo debe facer o necesario para mellorar as condicións de tráfico e seguridade viaria nesta zona, sen prexuízo de axilizar tamén a redacción e execución do necesario Plan de Mobilidade específico para esa área, tal e como se ten acordado en marzo de 2019 polo conxunto da Corporación. 

Evaristo Ben remarcou que o Grupo Popular presenta este rogo motivado polas distintas queixas que lle teñen feito chegar representantes da comunidade educativa de Lamas de Abade sobre este tema desde os primeiros días do actual curso escolar.

A acumulación de centros educativos na zona de Lamas de Abade vén provocando, desde hai anos, unha situación na que se mesturan problemas cun elevado risco para a seguridade viaria de peóns e vehículos e de mobilidade, con frecuentes atascos coincidindo coas horas de entrada e saída; así como a escaseza de prazas de aparcamento. Esta situación foi obxecto de reiteradas solicitudes e denuncias públicas por parte da comunidade educativa dos distintos centros para que a Administración local achegara algunha solución que axudara a paliar as molestias e perigos que veñen padecendo.

Cabe lembrar que, facéndose eco desas continuas queixas, o Pleno Municipal adoptou, por unanimidade, un acordo en marzo do ano pasado, no que se instaba ao Concello a “atender de urxencia as peticións da comunidade educativa da zona de Lamas de Abade, onde hai cinco centros de ensino, co fin de mellorar a seguranza viaria e o transporte en horas punta de entrada e saída. Ademais, realizará un plan de ordenación e un estudo de detalle para mellorar a mobilidade”.

Comentarios
Lo más