Reclaman máis recursos da Xunta para a atención presencial sanitaria e acabar coas listaxes de espera en Compostela

Reclaman máis recursos da Xunta para a atención presencial sanitaria e acabar coas listaxes de espera en Compostela
Reclaman máis recursos da Xunta para a atención presencial sanitaria e acabar coas listaxes de espera en Compostela

O BNG recibiu queixas de que os teléfonos para solicitar cita médica están colapsados por falta de persoal

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ante a crecente preocupación da veciñanza polo mal funcionamento dos servizos de Atención Primaria sanitaria en Compostela e a dificultade de coller citas médicas, rexistrou unha moción para instar a Xunta a realizar, de inmediato, todas as accións precisas para activar a atención presencial e dar resposta ás demandas de atención pola covid-19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial.

Goretti Sanmartín explicou que as listas de espera para medicina de familia chegan a superar nalgúns casos unha semana ou incluso 10 días en Santiago de Compostela, segundo datos do propio persoal sanitario.

Ademais, puxo como exemplo as dificultades de coller cita por internet para a campaña de vacinación antigripal, que obriga a chamar ao centro de saúde, tendo en conta que os teléfonos están xa colapsados, ou ben achegándose presencialmente e contravindo todas as recomendacións en vigor.

Existe sobrecarga de labores administrativos, pois hai numerosas citas para comunicar resultados negativos de PCR, cando en moitos casos xa foi comunicado por SMS. Isto ten especial gravidade no PAC, que sobrecarga moito un servizo que debera ter unha funcionalidade máis enfocada ás urxencias e que, ademais, no caso de Santiago atende unha área moi extensa e supón unha importante carga de traballo a repartir entre o mesmo persoal.

Fórmanse fileiras fóra dos centros de saúde

Ademais, segundo as queixas recibidas no BNG, hai pacientes acumulados fóra dos centros á hora das extraccións de analíticas; “no centro de saúde Concepción Arenal hai algunha xente que pode agardar dentro pero a maioría ten que esperar fóra, porque agora hai menos enfermeiras para realizar as extraccións para respectar as distancias interpersoais, pero coa mesma carga de citas”, explicou.

Deste xeito, trasladará reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública para que se aumente nos centros de saúde o número de profesionais que sexa preciso para  permitir incrementar o tempo e a calidade da atención asistencial, así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogxs clínicxs, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos...

Tamén demanda aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros, xunto con modificar o decreto que regula as áreas e os distritos sanitarios, para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos.

Outro dos puntos vai destinado a publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.

Isto súmase á necesidade de poñer en funcionamento o Consello de Saúde de Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria para garantir a implicación e colaboración social na resolución de epidemia.

Comentarios
Lo más