A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza o ciclo de conferencias “Próximos” con arquitectos de referencia de ámbito galego

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza o ciclo de conferencias “Próximos” con arquitectos de referencia de ámbito galego
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza o ciclo de conferencias “Próximos” con arquitectos de referencia de ámbito galego



Inaugurarase este martes coa charla de Aurora Armental e Stefano Ciurlo que falarán sobre a rehabilitación do Ancien Manège, antiga cabalariza militar en Xenebra, ás 19:30 horas no salón de actos do Museo do Pobo Galego 

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugura este martes, 20 de outubro, o ciclo de conferencias “Próximos”, catro charlas sobre arquitectura coa participación dun estudio de arquitectos de mirada e ámbito galegos, que se celebrarán de outubro a decembro no salón de actos do Museo do Pobo Galego (Costa de San Domingos, s/n,).

A delegación tiña prevista a celebración do ciclo no mes de marzo, pero a situación do estado de alarma pola covid-19 obrigou ao seu aprazamento. O presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Ángel Cid, explica que a entidade realizou un esforzo importante por manter as actividades presenciais, aínda que sempre coas cautelas necesarias e respectando as medidas de seguridade, protección e hixiene, ademais do aforo marcado para a celebración de eventos.

Ángel Cid explica que o ciclo é un achegamento aos estudios de arquitectura que traballan desde Galicia, ben creando proxectos dentro da nosa comunidade ou fóra dela. “As conferencias están orientadas a poñer en valor o traballo de compañeiros radicados en Galicia” –indica–.

O encargado de abrir o ciclo este mércores, ás 19:30 horas, será “Estar, estudio de arquitectura”, fundado por Aurora Armental Ruiz e Stefano Ciurlo Walker en Santiago de Compostela. No relatorio, de acceso gratuíto e aforo limitado, os arquitectos falarán sobre a transformación do “Ancien Manège”, unha rehabilitación no casco histórico de Xenebra (Suíza), resultante dun importante concurso internacional.

Os arquitectos explican que o Ancien Manège foi construído entre 1828 e 1829 para albergar unha cabalariza militar no centro histórico de Xenebra. A súa composición volumétrica “por partes” segue os canons de principios do século XIX, unha gran area central cuberta, dos volumes laterais destinados ás cortes, unha rotonda semicircular na que se sitúa a entrada e catro torres que definen as esquinas do edificio. Co paso do tempo, os arquitectos lembran que o edificio acolleu outros usos, sufrindo importantes modificacións. Polo tanto, a súa intervención no edificio partiu de ter en conta todas estes cambios e interpretalos para devolver o edifico á cidade como equipamento público.

Na súa intervención, describirán o proceso seguido no traballo de rehabilitación, pasando polas distintas fases do proxecto e da obra, actualmente en curso, partindo da introdución histórica do edificio. Será especialmente interesante coñecer a súa experiencia en primeira persoa traballando en Patrimonio nun contexto internacional.

Estar é un estudio de arquitectura, paisaxe e deseño, centrado en traballos delicados para edificios, cidades e territorios de valor histórico e cultural. Aurora Armental Ruiz é arquitecta pola ETSAB de Barcelona, realizou estudos de Posgrao en Xestión do Territorio: Urbanismo, Paisaxe e Medio Ambiente na Universitat Oberta de Catalunya (UOC), e ten un Máster en Paisaxismo na Escola Galega da Paisaxe.

Traballou nos estudios de Albert Viaplana e Martínez Lapeña e Elías Torres en Barcelona e 6a e Maccreanor Lavington en Londres. Aurora impartiu clases na ETSAB de Barcelona e un Unit Master en Kingston University y University of East London.

Stefano Ciurlo Walker estudou arquitectura na ETSAB de Barcelona, na Architectural Association e London Metropolitan University, e ten un Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación en Santiago de Compostela. Traballou na Architecture Research Unit (ARU) con Florian Beigel e Adams & Sutherland en Londres. Stefano impartiu clases na ETSAB de Barcelona, Nottingham University e London Metropolitan University, e na Unit Master en Kingston University y University of East London. Desde 2015 Stefano é profesor asociado en arquitectura na Arkitektskolen Aarhus en Dinamarca.

As seguintes conferencias serán o 3  de novembro con Carlos Pita Arquitectos, o 1 de decembro con Eduardo Cruz e o 15 de decembro con Villacé e Cominges.

Comentarios