Máis dun cento de persoas participaron nos tres espectáculos do ciclo de teatro Escena Pequena de Boqueixón

Máis dun cento de persoas participaron nos tres espectáculos do ciclo de teatro Escena Pequena de Boqueixón
Máis dun cento de persoas participaron nos tres espectáculos do ciclo de teatro Escena Pequena de Boqueixón

As sesións finalizaron o domingo cunha representación a cargo de Os Monicreques de Kukas na Casa da Cultura de Camporrapado

O Concello de Boqueixón vén de baixar o pano do ciclo de teatro Escena Pequena. Foron máis de cen as persoas que asistiron ás sesións incluídas dentro desta proposta cultural.

A última delas ofreceuse onte na Casa da Cultura de Camporrapado. Neste caso, arredor de 40 asistentes, entre maiores e cativada, gozaron da representación Xan Perillán, compra queixo, compra pan de Os Monicreques de Kukas. Este espectáculo inclúese tamén no programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O público, especialmente a cativada, amosouse encantado con esta representación que mesturou clown e pantomima con maxia e monicreques. Todo isto para reforzar a importancia de realizar un consumo responsable, ao tempo que se busca fomentar os hábitos de vida saudable e respectuosos co medio ambiente entre as nenas e os nenos.

Ciclo BocAberta

Unha vez finalizado este programa dirixido ás crianzas, o Concello de Boqueixón organiza para o vindeiro mes o ciclo teatral BocAberta. Dirixido a público adulto, ofrecerá durante novembro tres actuacións que se desenvolverán na Casa da Cultura de Camporrapado ás 17.30 horas. Este programa é posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

A primeira das citas terá lugar o domingo 1 de novembro co espectáculo de humor Running, da compañía De Ste Xeito. O día 8 será a quenda do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira coa comedia O rei Telesforo busca noiva (e quere noivo).

A terceira e última sesión terá lugar o día 15 de novembro, coa posta en escena da obra Tabú, de Tarabela Creativa. Trátase dun espectáculo co que se conmemora o Día contra a Violencia de Xénero e no que se poñen de manifesto vivencias de erótica e sexualidade en épocas pasadas.

As entradas a todas as actuacións serán de balde, se ben o aforo estará moi limitado. Por iso, as persoas interesadas en retirar unha entrada deberán facelo poñéndose en contacto co Departamento de Cultura a través do enderezo electrónico cultura@boqueixon.com ou chamando ao teléfono 981 513 115.

Comentarios
Lo más