Gonzalo Trenor visita o obradoiro de emprego de Lousame-Noia

Gonzalo Trenor visita o obradoiro de emprego de Lousame-Noia
Gonzalo Trenor visita o obradoiro de emprego de Lousame-Noia

O delegado da Xunta e a alcaldesa supervisaron o avance dos traballos no monte de San Lourenzo que rematarán antes de final de ano

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron este luns ao alumnado do obradoiro de emprego Lousame-Noia 2019, vinte alumnos que están rematando a súa formación en aproveitamentos forestais. Na que foi a súa primeira visita oficial a Lousame, Gonzalo Trenor confirmou que a Xunta inviste máis de 480.000 euros neste curso.

Trenor destacou que estes obradoiros “son moi demandados porque son beneficiosos para o municipio onde se fan, polo traballo que se fai no obradoiro, e porque permite tamén que esas persoas poidan ter acceso a unha formación moi concreta, práctica e que lles facilita moito a súa inserción no mercado laboral”. Así mesmo, lembrou que o curso tiña que ter rematado en xullo pero, “debido á pandemia a Xunta de Galicia fixo un esforzo moi importante para prorrogalo e sufragar os costes a maiores que viñan asociados a esa formación”.

Pola súa banda, Teresa Villaverde, destacou que “nestes momentos xa temos a catro alumnos que teñen un contrato de traballo comprometido por parte de empresas da comarca” e que “agardamos que esta formación aumente a autoestima do alumnado e lles favoreza a súa empregabilidade”.

Actuacións

Durante o obradoiro, os 20 alumnos e alumnas (10 de Lousame e 10 de Noia) realizaron actuacións en parcelas da Silva, Aldeagrande, Bouciñas, Brandía, San Lourenzo e Vilacoba (en Lousame), así como no Monte do Bolo, na contorna do local social de Barro, na área recreativa da Barquiña e en parcelas municipais en Bergondo e San Paio (en Noia).

Teresa Villaverde fixo fincapé nos traballos que se están a realizar estes días no monte de San Lourenzo, onde o Concello de Lousame ten en marcha un proxecto de repoboación forestal e posta en valor. Unha actuación que comezou coa cesión do uso do terreo por parte da comunidade de montes veciñais en man común de Abeixón e Carantoña, onde se están a erradicar especies invasoras, como o eucalipto ou a acacia, que se están a substituír por máis de catro hectáreas de árbores autóctonas que se emprazan segundo as características do terreo: castiñeiros, cereixos, freixos, bidueiros, carballos, sobreiras...

Protección para o sobreiral

“O que estamos facendo é poñer en valor este lugar”, recoñeceu Villaverde Pais, e aproveitou para pedir a colaboración do delegado na Xunta “na protección dun sobreiral que é un lugar moi especial, tanto que penso que en Galicia non deben chegar nin a catro que teñan este número de sobreiras e destas dimensións”. Neste sentido, puntualizou que “algunhas das sobreiras teñen máis de douscentos anos, porque os nosos centenarios xa os lembran grandes cando eles eran uns nenos”

Así, rememorou a caída dunha gran sobreira hai uns meses: “pensabamos que fora pola inclinación que tiña e a forza do vento pero o que pasaba era que tiña unha enfermidade na raíz. E non queremos que iso pase neste sobreiral. Por iso estamos contactando con expertos para que nos orienten sobre como coidalos”.

Obradoiros

Este ano, os obradoiros que deberían estar rematados en xuño, tras a súa paralización polo confinamento, afrontan agora a súa etapa final de formación que rematarán a finais de ano. Concretamente, na comarca do Barbanza estanse levando a cabo un total de 5 talleres, 3 deles de carácter dual, (onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade) e 2 de garantía xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Emprego e Igualdade está investindo en políticas activas de emprego na comarca máis de 1.500.000 euros.

Os obradoiros duais teñen lugar en Lousame, compartido con Noia, en Rianxo e en Ribeira. Pola súa banda, os obradoiros do garantía xuvenil, estanse impartindo en Muros, compartido con Carnota e no concello de Boiro.

Estes obradoiros están permitindo que un total de 82 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poden combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

Comentarios