Turismo de Santiago e o Cetur promoven un curso de "Novas Tecnoloxías e Turismo para o sector local"

Turismo de Santiago e o Cetur promoven un curso de "Novas Tecnoloxías e Turismo para o sector local"
Turismo de Santiago e o Cetur promoven un curso de "Novas Tecnoloxías e Turismo para o sector local"

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou no Pazo de Raxoi o curso "Novas Tecnoloxías e Turismo para o sector local", organizado por Turismo de Santiago e coordinado polo Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago (Cetur). Sindo Guinarte estivo acompañado de Diego Cidrás, do Cetur.

O curso, que será impartido totalmente online, plantéxase como unha resposta ás demandas de actualización do sector turístico en novas tecnoloxías, nun momento no que a presenza en internet é crucial. A formación, que terá un carácter moi práctico, enfócase a hoteleiros, hostaleiros, guías turísticos, pequenos e medianos touroperadores, empresas de receptivos, empresas de organización de congresos e eventos, etc.

Como crear unha páxina web e actualizala, que redes sociais son improtantes para un negocio, como xestionalas, que é a identidade dixital e a marca, que é unha estratexia de comunicación, como realizar un marketing exitoso en internet, como aproveitar as posibilidades da xeolocalización, como poñer en marcha centrais de reserva e pasarelas de pagamento online, e moitas outras destrezas informáticas serán abordadas no curso. Tamén se prestará atención ás novas tecnoloxías nas relacións e a comunicación interna das empresas, así como nas relacións coa administración.

O curso, que conta co apoio da Deputación da Coruña, desenvolverase durante 5 xornadas de 16.00 a 20.00 horas. En concreto, levarase a cabo os xoves 22 e 29 de outubro, e 5, 12 e 19 de novembro de 2020. Será impartido por profesores universitarios de recoñecido presitixio que simultanean a súa actividade académica profesional coa actividade na empresa privada.

O 22 de outubro, a sesión inicial estará a cargo de Antonio Toré e Fernando Navarro, investigadores do Instituto de Intelixencia e Innovación Turística da Universidade de Málaga. O 29 de outubro e o 5 de novembro contarase coa presenza de José Ramón Porto, profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Finalmente, os días 12 e 19 de novembro a formación será impartida por Gersón Beltrán, profesor da UOC e recoñecido consultor en novas tecnoloxías e turismo.

A inscrición é gratuita ata un límite de 100 prazas, e pódese realizar enviando un correo electrónico a cetur@usc.es, detallando nome completo así como empresa ou organización á que se pertence. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 21 de outubro de 2020 

Comentarios
Lo más