A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente a instalación provisional de mamparas e calefactores nas terrazas de hostalería

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente a instalación provisional de mamparas e calefactores nas terrazas de hostalería
A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente a instalación provisional de mamparas e calefactores nas terrazas de hostalería

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a autorización para a instalación provisional de mamparas e calefactores nas terrazas de hostelería no ámbito do PE-1 (Plan Especial 1); a iluminación de seis fontes no parque da Alameda; a restauración das fachadas de Acibechería e de acceso á Corticela da Catedrala de Santiago, na Praza da Inmaculada; e a reforma parcial do pavillón de servizos da USC, no Campus Vida.

Tendo en conta a situación excepcional na que se atopa a sociedade a causa da crise provocada pola COVID19, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico considera que non existe inconveniente para a autorizar a instalación provisional de mamparas ou biombos e calefactores nas terrazas, sempre e cando, sinala, teñan carácter excepcional e se limite ao período de tempo coincidente co estado de emerxencia sanitaria e á situación de pandemia, tal e como se expón no Decreto de Alcaldía do pasado 8 de outubro. A maiores, establécense unha serie de condicións:

- Non será autorizable a instalación de mamparas ou biombos naquelas terrazas de hostalería situadas nos soportais da cidade histórica, xa que provoca a aparición de barreiras visuais e afectan negativamente á percepción da cidade.

- A fin de unificar a imaxe urbana, recoméndase a utilizacion dun modelo único de mamparas ou biombos dentro do ámbito da cidade histórica.

- As dimensións máximas das mamparas será de 1,50 metros de altura, e deberán ser transparentes, con paramentos de vidro ou metacrilato; e estrutura metálica cun acabado que non sexa brillante nin anodizado.

- A suxeición das mamparas ou biombos realizarase preferentemente sobre chapas metálicas pousadas no chan, non admitindo ancoraxes directamente sobre o pavimento.

- Non se autoriza a instalación ou permanencia deste tipo de elementos na vía pública fóra do horario de funcionamento das terrazas.

- No caso dos calefactores, prímarase a utilización dos integrados no mobiliario existente dos locais (toldos, antucas ou parasoles…) para evitar a proliferación de novos elementos ocupando o espazo público. Tamén recomendan que se utilice o mesmo tipo de calefactor en todo o ámbito da cidade histórica.

A Comisión Asesora de Patrimonio Histórico tamén informou favorablemente sobre a memoria presentada para a iluminación das fontes da Alameda, unha actuación que conta cun orzamento de execución material de 10.656,08 euros, e que afecta ás fontes do miradoiro do Paseo dos Leóns, a dos Condes de Altamira no Paseo da Ferradura; ao Estanque do Ollo, a fonte do Paseo Central, a da Cuncha e a de San Clemente. O obxectivo deste estudo é dotalas, unha vez remate o proceso de restauración, dunha iluminación que permita en horas nocturnas apreciar as súas características e resaltar o seu aspecto, para desfrute da cidadanía. As obras menores, promovidas polo Servizo de Proxectos e Obras do Cocnello de Santiago, son autorizables dacordo coa normativa do "Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1"), cunha serie de condicións. Entre elas:

- a instalación dos focos de iluminación farase coincidir co trazado da instalación de bombas de recirculación previstas no proxecto de restauración, a fin de evitar novas preforacións no vaso de pedra das fontes.

- a instalación do equipo de protección e interruptores de corte e acendemento da nova iluminación realizarase nunha caixa ou armario que deberá situarse afastado da fonte, nunha zona axardinada próximo a esta, e disposto da forma máis discreta posible.

- con carácter previo á execución dos traballos realizarase unha proba nunha das fontes a fin e avaliar o efecto final da iluminación.

Outro proxecto informado favorablemente foi o da restauración da fachada da Inmaculada e acceso á Corticela na Catedral de Santiago, promovido pola Fundación Catedral de Santiago e que conta cun orzamento de execución material de 105.676,23 euros. As actuacións contempladas no proxecto teñen como obxectivo fundamental a limpeza das citadas fachadas. Tamén está prevista a restauración da absidiola ou corredor interior de acceso á Capela da Corticela.

En relación coa intervención solicitada pola USC de reforma parcial e acondicionamento do pavillón de servizos para a área de tecnoloxías da información e das comunicacións, que conta cun orzamento material de 174.689,7 euros, a Comisión Asesora de Patrimonio informa facorablemente as obras de acondicionamento interior, e o novo acabado da fachada. Sin embargo é reticente coa modificación prevista dos ocos exteriores da fachada, sinalando que non é autorizable a eliminación dos manchóns intermedios porque, argumenta en un dos puntos, se perdería a unidade compositiva da imaxe exterior do inmoble.

A maiores, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informou favorablemente a colocación dunha placa conmmemorativa na fachada principal do Salón Teatro; e a reforma e ampliación dunha vivenda unifamiliar na rúa do Pino.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta. 

Comentarios