A USC capta máis de oito millóns de euros do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación

A USC capta máis de oito millóns de euros do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación
A USC capta máis de oito millóns de euros do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación

A Universidade impulsa 67 proxectos, o 44% das axudas concedidas en Galicia, ao abeiro dos programas estatais de ‘Xeración do Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico de I+D+i’ e de ‘I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade’

A USC capta o 44% das axudas concedidas en Galicia durante o ano 2020 pola Axencia Estatal de Investigación no marco dos programas estatais de ‘Xeración do Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico de I+D+i’ e de ‘I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade’ no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación 2017-2020. Concretamente, trátase de 8,3 millóns de euros cos que se financian un total de 67 proxectos de investigación. Deles, 1,7 millóns de euros foron outorgados a proxectos de investigación que se desenvolvesen no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, o que representa aproximadamente o 20% do financiamento captado pola Universidade.

A nivel autonómico, estas axudas estatais permiten desenvolver ata 146 proxectos en Galicia por un importe global de ao redor dos 17,4 millóns de euros, dos que case a metade foron captados por iniciativas impulsadas dende a USC. Deste xeito, os equipos de investigación vinculados á Universidade consolidan a súa posición como referente no ámbito da investigación e o desenvolvemento e a súa transferencia á sociedade. Así o destacou este martes o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na súa visita ás instalacións do CiQUS, para realizar un balance das axudas estatais concedidas á investigación na comunidade autónoma durante o pasado ano. Neste percorrido, Losada e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, estiveron acompañados polo reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez  Muñuzuri; o director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas; e a directora adxunta deste centro singular da USC, Dolores Pérez Meirás.

O reitor subliñou que unha visita destas características permite poñer o foco na investigación que se desenvolve na USC. As universidades, sinalou Antonio López, son institucións docentes pero tamén de investigación e de transferencia, “pezas fundamentais na mellora da calidade de vida das persoas”. Alén disto, o reitor destacou o valor específico da USC como a institución promotora do 50% da investigación realizada no conxunto do Sistema Universitario de Galicia. A investigación universitaria, apuntou o reitor, permite achegar “solucións esenciais” e é “unha peza chave de progreso”, moito máis nun intre como o actual. Finalmente, Antonio López subliñou a aposta da USC pola investigación a través dun modelo estruturado por centros singulares que permiten unha integración transversal de equipos interdisciplinarios. Neste senso, o reitor reivindicou financiamento basal para centros e equipos cunha estrutura estable e consolidada.

Na vangarda da ciencia

Ao abeiro dos programas estatais, na Universidade compostelá impulsáronse un total de 67 proxectos, dos que once desenvolveranse integramente no CiQUS durante os próximos tres anos. Estes proxectos abarcan dende o ámbito da biomedicina e da saúde, ao do desenvolvemento de tecnoloxías transformadoras e sostibles ou o descubrimento de novos materiais moleculares funcionais. Seis destes proxectos levan ademais, cada un, asociada unha axuda para contrato predoutoral para a formación de doutores 2020.

O director científico do centro, José Luis  Mascareñas, resaltou o potencial humano e técnico do  CiQUS, que conta coa acreditación como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego, e que en case unha década de existencia conseguiu converterse na institución con maior número de investigacións ERC en Galicia chegando ata nove na actualidade, alén de formar parte de oito proxectos internacionais colaborativos. “A captación de novos fondos procedentes de convocatorias internacionais, nacionais e autonómicas, que vai en aumento cada ano, permítenos consolidar a nosa aposta por promover o avance da ciencia na fronteira do coñecemento, formar novos científicos,  e contribuír ao progreso económico da contorna “, afirmou Mascareñas. O catedrático da USC resaltou tamén que “nun momento transcendental como o actual debemos visibilizar máis que nunca o papel da ciencia e o labor e esforzo dos investigadores”. O CiQUS constitúe un equipo integrado por máis de 180 persoas, organizadas en dezanove grupos de investigación.

Comentarios
Lo más