Reclaman actuacións “para diminuir a velocidade de circulación no túnel de Conxo e evitar que continúe a sangría de multas do radar”

Reclaman actuacións “para diminuir a velocidade de circulación no túnel de Conxo e evitar que continúe a sangría de multas do radar”
Reclaman actuacións “para diminuir a velocidade de circulación no túnel de Conxo e evitar que continúe a sangría de multas do radar”

O concelleiro Xan Duro insta ao Goberno a solicitarlle ao Ministerio a instalación de bandas rugosas, o pintado da calzada e a mellora da sinalización

Compostela Aberta instou hoxe ao Goberno local a solicitar do Ministerio de Fomento que acometa diferentes medidas co obxectivo de reducir a velocidade de circulación polo túnel de Conxo e, polo tanto, as sancións impostas polo radar situado no paso inferior. Para o edil Xan Duro, “a mellor proba de que a concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá non tén afán recadatorio con ese controvertido radar, sería que impulsase actuacións paralelas que garantan a seguridade viaria e que eviten as nultas”. 

O concelleiro Xan Duro mostrou o seu convencemento de que “os datos sobre as sancións impostas polo radar de Conxo, con máis de 17.000 expedientes tramitados en só tres meses, demostran que a localización do dispositivo ou a súa sinalización non son as axeitadas”. Nese sentido, o edil de Compostela Aberta reiterou que “hai varios elementos que serían discutibles en torno a ese radar, empezando pola súa situación na saída da boca inferior do túnel tras un cambio de rasante”. A maiores, para Xan Duro “non está xustificado que o radar controle tanto os carrís de entrada como de saída do túnel, cando o punto conflitivo é a incorporación á avenida de Antón Fraguas desde a rotonda de Conxo, en dirección O Milladoiro”. 

Medidas complementarias O edil de CA instou ao Goberno local a solicitar que o Ministerio de Fomento, que é a administración con competencias sobre a SC-20, poña en marcha diferentes medidas “que contribuirían a reducir a velocidade neste punto, á vista de que a presenza do radar de momento non está a servir como elemento disuasorio”. Así, Xan Duro aposta pola instalación de bandas sonoras no viario, “nun tramo que permita que os vehículos reduzan a velocidadede xeito progresivo, sen freazos que poñan en risco a seguridade viaria como acontece na actualidade; e acompañada do pintado da calzada seguindo o modelo desenvolvido durante o pasado mandato en rúas como Rosalía de Castro ou Virxe da Cerca”. Ademais, o concelleiro pediu que se reforce a sinaléctica “avisando da presenza do radar en ambas direccións, e incluíndo un sinal na entrada do paso inferior dirección Milladoiro que indique especificamente a presenza do radar á saída do túnel”. Xan Duro reclama, ademais, que se unifiquen os límites de velocidade fixados para os diferentes carrís do paso inferior, “porque non tén sentido que no mesmo túnel, o carril interior teña o límite de 50 quilómetros por hora, e no exterior ese límite sexa de 40”. 

Por último, o concelleiro de Compostela Aberta demandoulle ao Goberno que “reflexione e que escoite ás ducias de veciños e veciñas que están a criticar a localización do radar”. Para Xan Duro, “o alcalde non pode limitarse a dicir que se hai multas é porque os conductores non respectan as normas, porque se a irresponsabilidade dos conductores e conductoras fora o único problema habería un nivel de sancións similar noutros puntos da cidade”. O edil apuntou tamén que o actual responsable de Mobilidade, Gonzalo Muíños, “formaba parte no pasado mandato do grupo do PSOE, que chegou a falar da voracidade recadatoria de Compostela Aberta e a pedir a retirada dos fotorroxos”. Duro lembrou que, con ese sistema, en todo o 2016 tramitáranse 2.500 multas, que baixaron ata 1.600 en 2018. O concelleiro de CA preguntouse “que tería dito Gonzalo Muíños se os fotorroxos impuxeran 17.000 multas en só tres meses, como acontece co radar de Conxo que el autorizou”.

Comentarios
Lo más