Entregados os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na docencia e na investigación

Entregados os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na docencia e na investigación
Entregados os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na docencia e na investigación

A experiencia docente ‘Com A de lingüistA’, desenvolvida na materia ‘Panorámica das ideas lingüísticas’ e impartida na Facultade de Filoloxía pola profesora da USC Teresa Moure, acaba de ser recoñecida co primeiro premio na XI Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na modalidade de docencia.

Esta iniciativa divulga, entre outros aspectos, as achegas das mulleres ao campo das tecnoloxías da linguaxe, principalmente no caso da encriptación e da decodificación de mensaxes cifradas. En investigación, o premio recaeu en Julia Ammerman Yebra por ‘Dende "A Bill to Protect Ladies" ata a actualidade: o dereito á propia imaxe ten nome de muller’, no que se parte da hipótese de que a captación de imaxes das persoas e o diferente uso e protección que se poida outorgar, segundo esteamos ante imaxes de homes ou de mulleres, pode supor a existencia de nesgos de xénero no ámbito dos dereitos da personalidade, en especial no dereito á propia imaxe.

O reitor Antonio López presidiu este mércores o acto de entrega destes galardóns no Salón Nobre do Colexio de Fonseca xunto a Mercedes Rosón, concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela; e Aurora Patiño, en representación da Secretaría Xeral de igualdade da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, Mercedes Rosón alertou sobre a "fenda machista" que sigue a estar presente na sociedade, a pesar de que a igualdade "é un valor transversal e incuestionable". Por iso, engadiu, "estes premios son un paso adiante na conquista desa igualdade". "Accións como esta son máis necesarias que nunca porque contribúen á construción dunha identidade de xénero que actúa como piar da identidade social", sobre todo, engadiu, nun momento en que a crise sanitaria provocada pola COVID19 está agravando as desigualdades. "Debemos seguir", continou, "comprometidos cunha sociedade máis xusta, onde a igualdade real e efectiva sexa un feito, para "que este mundo que estamos construíndo, sexa máis humano, máis pacífico, máis próspero e máis sostible". Como administración pública, concluiu, "debemos actuar desde distintas frontes: informando, visibilizando, educando, con políticas transversais que incidan na igualdade e na equidade entre homes e mulleres"

O reitor subliñou na súa intervención que a igualdade real aínda non está acadada, por iso é preciso darlle visibilidade a este compromiso a través de certames como este xa que "unha das vías de solución ten que vir da educación". Asemade, Antonio López aproveitou o acto para poñer o foco en como durante a pandemia veuse incrementada a produción científica dos homes e non así a das mulleres. "Temos que comprometernos co feminismo", salientou o reitor logo de denunciar como o coidado de maiores e nenos eríxese, en numerosas ocasións, nunha eiva para o xénero feminino xa que os coidados "seguen recaendo nas mulleres". No acto tamén estivo presente a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo; así como a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo, quen se encargou de ler a acta do xurado.

Docencia
Na modalidade de docencia, María Pilar Freire Esparís cunha práctica docente con perspectiva de xénero na materia ‘Historia Económica de España Contemporánea’ da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, foi recoñecida co segundo premio; mentres que o terceiro galardón da categoría recaeu en ‘Educación en feminino: un paseo pola Historia’ de Francisco Xosé Candia Durán e pertencente á materia ‘Teoría e Historia da Educación Escolar’ da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo. A iniciativa de Freire Esparís pretende contribuír á visibilización das mulleres no tecido empresarial galego e coñecer a historia das súas empresas; mentres que a de Candia Durán reflicte o relevante papel das mulleres na educación, e sobre todo, o das grandes referentes neste eido, tanto do pasado como do presente.

Investigación
Na categoría de investigación, María del Carmen Míguez Varela e M. Belén Vázquez Gómez recolleron o segundo premio por ‘Saúde mental e xénero: avaliación da depresión e ansiedade específica do embarazo’, no que se aborda como de todos os trastornos, a depresión postparto é o máis coñecido e o que tradicionalmente recibiu maior atención. Con todo, hoxe é sabido que a depresión no embarazo é tan ou mesmo máis frecuente que a depresión postparto pero máis a miúdo é infradiagnosticada e, polo tanto, non tratada. Ademais, a presenza de depresión durante o embarazo é un dos principais factores de risco da depresión postparto. Finalmente, o terceiro premio de investigación foi para Montserrat Pena Presas por ‘Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia’, estudo que recolle como os feminismos influíron nas literaturas infantís do ámbito anglófono, do ámbito hispánico e do ámbito galego.

Acción consolidada
Os primeiros premios recibiron 1.000 euros cada un; os segundos, 750 euros; e os terceiros, 500. "Estes galardóns constitúen unha das accións consolidadas das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da actividade de xeración e difusión de coñecemento: a docencia e a investigación", explican dende a Oficina de Igualdade de Xénero da USC. Estes galardóns desenvólvense no marco do convenio de colaboración en materia de igualdade de xénero do Concello de Santiago de Compostela coa USC. 
Comentarios
Lo más