María Rozas: “O Goberno debe recapacitar e escoitar ás traballadoras do SAF, que son as que mellor coñecen o servizo”

María Rozas: “O Goberno debe recapacitar e escoitar ás traballadoras do SAF, que son as que mellor coñecen o servizo”
María Rozas: “O Goberno debe recapacitar e escoitar ás traballadoras do SAF, que son as que mellor coñecen o servizo”

Compostela Aberta leva ao próximo Pleno unha proposición para reclamar que na revisión dos pregos do Servizo de Axuda no Fogar se incorporen melloras solicitadas polo persoal

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha proposición para esixirlle ao Goberno local que atenda as demandas das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e as incorpore na revisión dos pregos que está obrigado a facer tras o ditame do Tribunal de Contratación de Galicia en resposta a un recurso do sindicato CCOO. A concelleira María Rozas lamentou a actitude da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, “que decidiu cortar a interlocución coas traballadoras do SAF, que son precisamente as persoas que mellor coñecen o servizo e que poderían facer importantes achegas para a súa licitación”.

O grupo municipal de CA defenderá no Pleno que o Goberno local aproveite a revisión dos pregos de licitación do Servizo de Axuda no Fogar para garantir a suficiente dotación orzamentaria para a adquisición de material de protección para as traballadoras, pero tamén para incorporar outras demandas do persoal do SAF. Entre esas reivindicacións, María Rozas referiuse a “medidas para facilitar a mobilidade e a conciliación, a mellora da coordinación das visitas a domicilios, a mediación do Concello nos conflitos coas empresas adxudicatarias e a inspección específica do contrato, a posta men marcha dun plan de formación continua, ou a incorporación do complemento salarial previsto no convenio galego para este sector”. A concelleira de Compostela Aberta mostrouse convencida de que “moitas destas demandas son asumibles polo Concello, pero para atendelas primeiro hai que coñecelas, e para iso é preciso escoitar ás traballadoras”.

Concelleira pouco dialogante

María Rozas explicou que Compostela Aberta incorpora na proposición a demanda de que “o departamento de Políticas Sociais e a súa responsable política establezan as canles de interlocución directa necesarias coas traballadoras, porque existe un profundo malestar do persoal do SAF e da súa representación sindical pola actitude que vén demostrando Mila Castro”. Para a concelleira de CA, “é incomprensible que a edila cortara a interlocución coas traballadoras, e éo máis porque nos consta que mentres estivo na oposición, durante o pasado mandato, Mila Castro sí mantivo contactos co persoal do SAF, e sí as animou a expresar as súas queixas ao Goberno”. Para Rozas, a falta de comunicación “é aínda máis grave porque falamos dun sector que está precarizado e feminizado, e agárdase do Concello unha especial sensibilidade na súa atención”.

Para María Rozas, boa mostra da actitude deste Goberno é o escrito de alegacións que presentou diante do Tribunal de Contratación fronte ao recurso de CCOO en relación ao cálculo insuficiente da partida orzamentaria destinada á dotación de material de protección fronte á Covid-19. A concelleira de Compostela Aberta mostrouse sorprendida porque “o Goberno argumente que o informe económico do prego de licitación do SAF era anterior ao estado de alarma de marzo, cando o procedemento se publicou no mes de agosto; que cuestione a necesidade do material solicitado polas traballadoras, ou que alegue que as empresas poderían asumir o custo do material, uns 120.000 euros, reduncindo a  súa marxe de beneficios”.

Contrato pioneiro

A concelleira de Compostela Aberta instou ao Goberno do PSOE “a seguir avanzando no camiño iniciado no pasado mandato polo Goberno de CA, cunha licitación do SAF que foi pioneira”. María Rozas lembrou que o contrato de 2018 duplicou o seu orzamento con respecto ao realizado polo PP en 2015, ata achegarse aos dous millóns de euros anuais, e incorporou a posibilidade de ampliar horas de servizo no caso de que a Xunta dera novas altas de usuarios e usuarios, “algo que non estaba recollido na licitación que deixara feita o Partido Popular e que dificultou enormemente a atención a todas as persoas que o precisaban”. Ademais, o contrato de 2018 incorporou numerosas melloras de forma obrigada, como a posta a disposición do servizo de camas articuladas, guindastres, prazas residenciais a disposición do Concello, ou servizos como perruquería ou podoloxía, cuestións que en 2015 podían ser ofertadas polas empresas de forma opcional.

María Rozas pediulle ao Goberno do PSOE que, despois de ter cumprido o compromiso recollido no acordo de orzamentos con Compostela Aberta en canto ao incremento da dotación orzamentaria do servizo, “garanta que se atenden as necesidades reais das traballadoras do SAF, porque iso redundará nun mellor servizo para os usuarios e usuarias”. Para a concelleira “o contrato licitado por CA foi un referente en Galicia, e non debe haber retrocesos nin do punto de vista da prestación e calidade do servizo nin do punto de vista dos dereitos das traballadoras”.

Comentarios