Navia Rivas demandará no Pleno que se repoñan as frecuencias de tren suprimidas que afectan milleiros de estudantes e profesionais

Navia Rivas demandará no Pleno que se repoñan as frecuencias de tren suprimidas que afectan milleiros de estudantes e profesionais
Navia Rivas demandará no Pleno que se repoñan as frecuencias de tren suprimidas que afectan milleiros de estudantes e profesionais

A pandemia da covid-19 foi utilizada como escusa polo Goberno español para suprimir servizos ferroviarios en Galiza 

A concelleira Navia Rivas presentará no Pleno unha moción para a reposición de frecuencias de tren suprimidas por mor da pandemia que afectan, de xeito especial, a milleiros de estudantes e profesionais que usan este servizo para se desprazaren a Santiago de Compostela; ademais de reclamar a creación dun plan de mellora da rede ferroviaria e do Ente Ferroviario Galego.

A pandemia da covid-19 foi utilizada como escusa polo Goberno español para suprimir servizos ferroviarios en Galiza, tanto interiores como de conexión con outros territorios. Se ben a redución de servizos estaba xustificada durante o estado de alarma e o período de confinamento, a realidade é que na actualidade moitos dos trens seguen sen circular pese ao retorno de estudantes aos seus centros de ensino e de profesionais aos seus postos de traballo.

Cómpre ter en conta que a situación previa á pandemia era xa de por si precaria, debido á drástica redución de servizos, ao peche de estacións e á falta de investimentos na modernización das infraestruturas e nos equipamentos que se produce na maior parte das liñas.

Renfe anunciou que os servizos serían recuperados “a medida que a demanda o vaia pedindo”. Mais en pleno mes de outubro, co reinicio da actividade laboral e escolar, un terzo dos servizos de media distancia seguen suprimidos e o mesmo ocorre coas conexións co exterior, como os comboios que unen Galiza con Euskadi e mais con Madrid, o primeiro suprimido desde marzo e o segundo reducido a tres servizos diarios.

En concreto, na liña que conecta Santiago con Vigo e coa Coruña, Renfe engadiu, coa demanda universitaria, un único tren por sentido os venres e os domingos e incrementou prazas de trens preexistentes. Os datos son esclarecedores: dos 12 trens que circulan na actualidade, hai un ano había neste traxecto entre 20 e 24 frecuencias. De feito, existen numerosas queixas de traballadoras e traballadores pola supresión das frecuencias de primeira e última hora, co que dificulta a conciliación da vida laboral e familiar. Ademais tamén se eliminaron frecuencias de Santiago con Ourense, co que persoas usuarias destas cidades dispoñen de menos posibilidades para efectuar os seus desprazamentos neste transporte colectivo.

Esta situación viuse agravada polo incumprimento do compromiso do PP e do Goberno galego para crear o Ente Ferroviario Galego, así como a Xefatura de Proximidade para Galiza, que era o instrumento necesario para a posta en marcha dos servizos ferroviarios de cercanías. Como consecuencia deste desleixo, Galiza sofre o agravio de non contar con tren de cercanías, un servizo do que dispoñen outras comunidades como Asturias, Cantabria, Euskadi ou Navarra.

A crise ambiental que vive o planeta e que tamén sofre Galiza esixe cambiar os modos de mobilidade e apostar de maneira decidida pola mobilidade sustentábel. Neste contexto, o ferrocarril debe ser obxecto dunha política decidida de fomento e mellora, como alternativa saudábel, sostíbel e segura a modos contaminantes como o automóbil ou o avión.

Comentarios