Denuncian a "saturación por improvisación" da atención primaria en Santiago-Barbanza

Denuncian a "saturación por improvisación" da atención primaria en Santiago-Barbanza
Denuncian a "saturación por improvisación" da atención primaria en Santiago-Barbanza

CCOO reclama máis persoal para "evitar o caos" nunha área sanitaria que conta con 74 centros de saúde, consultorios e casas do mar

A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a «saturación por improvisación» da atención primaria na área sanitaria Santiago-Barbanza, especialmente desde o comezo da campaña da gripe o pasado día 13 de outubro, que se prolongará ata o vindeiro 31 de decembro. 

A falta de doses da vacina, o colapso telefónico e a reprogramación de citas son algunhas das consecuencias máis visibles, que están a provocar «o enfado da cidadanía e a extenuación do persoal». O sindicato reclama máis persoal para «evitar o caos» no día a día. CCOO culpa da situación a Xerencia da área sanitaria, porque «era previsible, pero non se tomaron medidas». 

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba o pasado mes de maio que na campaña da gripe deste ano habería máis carga de traballo, porque se prevía un aumento do número de vacinacións. Escasamente unha semana despois do inicio da campaña da gripe, o 22 de outubro, os profesionais recibiron unha orde por parte da Dirección de Atención Primaria para anular as citas da vacina antigripal da poboación menor de 65 anos —mesmo que sexa de grupos de risco—, xa que non había stock da vacina (Vaxigrip). Reprogramación de centos de citas Isto incrementou a carga de traballo pola necesidade de anular citas.

Se xa antes da pandemia o ritmo de traballo era «frenético», coa COVID-19 houbo que enfrontarse tamén ao diagnóstico precoz e seguimento dos doentes non hospitalizados. Agora, no medio da campaña da gripe, deben chamar e reprogramar as citas de centos de persoas. Segundo CCOO, este traballo non é propio do persoal de enfermaría, senón que podería facelo o persoal de servizos xerais (PSX) «se non estivese desbordado pola situación actual», porque estes profesionais non poden atender toda a citación telefónica, realizar actividade administrativa e de xestión, atender e informar as persoas usuarias, amais de reprogramar as citas da vacina antigripal. 

Cómpre contratar máis PSX Por esta razón, CCOO insta a Xerencia da área sanitaria a contratar máis PSX en Santiago-Barbanza, especialmente naqueles centros de saúde que xa eran deficitarios en persoal, caso de Melide, Rianxo e O Pino, entre outros. Con todo, a necesidade de reforzamento «é xeral en toda a área sanitaria», que conta con 74 centros (56 centros de saúde e 18 consultorios e casas do mar). CCOO lembra que nas listaxes de contratación do Sergas hai PSX agardando a que o sistema público os chame, e insiste en que se a Xerencia non o fai «é exclusivamente por criterios económicos».

Comentarios
Lo más