Un estudo da USC mostra que máis do 12% das empresas galegas pecharon por unha insuficiente política de xestión de riscos

Un estudo da USC mostra que máis do 12% das empresas galegas pecharon por unha insuficiente política de xestión de riscos
Un estudo da USC mostra que máis do 12% das empresas galegas pecharon por unha insuficiente política de xestión de riscos

Un de cada catro traballadores perdeu o seu emprego no cambio de século pola inadecuada xestión dos riscos dos administrados e directivos da súa empresa, tal e como constata un informe elaborado pola USC e a Fundación Inade

O informe ‘Mortalidade empresarial en Galicia, 1972-2008. Factores de impacto e xestión do risco’, dirixido polo catedrático de Historia e Institucións Económicas na USC, Xoán Carmona Badía, coa colaboración do profesor e investigador Adrián Dios Vicente, revela que, das 122 empresas privadas con máis de 100 traballadores que operaban en Galicia no ano 1972, tan só o 28% continuaba operativa no ano 2008. Polo tanto, máis do 70% das grandes empresas galegas dos sectores da pesca, a construción e a industria manufactureira non sobreviviron ao cambio de século.

O documento impulsado pola USC e a Fundación Inade, establece sete factores de impacto: cambio tecnolóxico e cambio de industria, problemas financeiros, cambio institucional ou regulatorio, sucesión e mala xestión, shocks externos, absorción e insuficiente política de xestión do risco. O estudo fai fincapé na sétima causa de mortalidade empresarial, a insuficiente política de xestión do risco, que provocou o peche do 12,5% das maiores empresas galegas entre 1972 e 2008. Os autores destacan que un de cada catro traballadores deste grupo perdeu o seu emprego por unha insuficiente política de risco na súa empresa.

Estudos de caso

O informe analiza de maneira pormenorizada os casos de FENOSA e do Gran Hotel e Balneario de Mondariz, que pecharon as súas portas pola falta de política de xestión de riscos. En primeiro lugar, relata como FENOSA carecía dos seguros necesarios para asegurar o financiamento recibido do estranxeiro e como isto a levou a unha profunda crise financeira. Pola súa banda, o Gran Hotel e Balneario de Mondariz sufriu un incendio durante unha reforma e, ao non contar co seguro adecuado, non puido superar o golpe.

Os autores tamén abordan a crise que viviu o sector da conserva como consecuencia da falta de pagamentos de Libia, país ao que exportaban gran parte da súa produción. Este conflito demostrou a necesidade de contratar seguros de crédito á exportación, xogando un papel moi importante na súa difusión a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes (ANFACO). Por outra banda, destacan os casos de Vidros A Florida e Rodolfo Lamas Construcións. Vidros A Florida, cun persoal de 135 traballadores, atravesaba unha situación difícil, pero o que motivou o seu peche definitivo foi a caída do teito da súa fábrica da Florida debido a un forte temporal. O mesmo sucedeu con Rodolfo Lamas Construcións, con máis de 1.000 traballadores, que cesou a súa actividade polo derrubamento, por mor dunha nevada, dun polideportivo en construción no concello das Pontes. Ningunha das empresas contaba cunha política de xestión de riscos suficiente, polo que, ao non estar ben aseguradas, non puideron afrontar os sinistros que causaron as situacións meteorolóxicas adversas comentadas anteriormente. Por tanto, este estudo de investigación demostra que a necesidade de aseguramento é transversal a calquera empresa, independentemente do seu sector ou tamaño, pois toda organización pode afrontar problemas por falta de política de xestión do risco.

Acto de presentación

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu este martes a xornada de presentación do informe. Presidida polo reitor Antonio López, no acto tomaron parte o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Juan José Gallego Fouz; o vicepresidente de Fundación AXA, Luis Sáez de Jáuregui; e o presidente de Fundación Inade, José Ramón Santamaría Barreiro.

Comentarios