O alcalde de Padrón entregou o XIX Premio de Interpretación Maruxa Villanueva ao actor Miguel de Lira

O alcalde de Padrón entregou o XIX Premio de Interpretación Maruxa Villanueva ao actor Miguel de Lira
O alcalde de Padrón entregou o XIX Premio de Interpretación Maruxa Villanueva ao actor Miguel de Lira

Nun acto co aforo limitado e un estrito protocolo de seguridade 

A entrega do XIX Premio de Interpretación Maruxa Villanueva da o pistoletazo de saída ao programa do ‘Outono Cultural’, cuxa programación se prolongará ata o mes de decembro. O alcalde de Padrón entregou esta tarde o galardón ao actor Miguel de Lira pola súa traxectoria e pola súa aportación á escena galega.

A decisión de outorgar o Premio a Miguel de Lira foi tomada por unanimidade polo xurado, que valorou especialmente a súa interpretación en ‘Curva España’, na que, baixo a súa perspectiva, fixo unha importante posta en valor da oralidade en lingua galega como factor distintivo da teatralidade da comunidade. O premio enxalza a traxectoria do actor e o seu papel como defensor da cultura galega, e promotor dun teatro innovador da man do grupo teatral Chévere.    

O xurado estaba presidido por Lorena Couso, concelleira de Cultura, e integrado por expertos en teatro galego como Inma López Silva, escritora e profesora da escola superior de arte dramática de Galicia; Carlos Caetano Biscainho Fernándes, actor e profesor da Universidade da Coruña; Alfonso Becerra Arrojo, dramaturgo, profesor da escola superior de arte dramática de Galicia, membro do consello asesor do Centro Dramático Galego e membro do consello de redacción de revistas galegas do teatro; Roberto Pascual Rodríguez, profesor da escola superior de arte dramática e director da MIT de Ribadavia e Comba Campoi García, actriz, doutora universitaria e especialista en teatro de obxectos.

Na súa intervención, o alcalde de Padrón, enviou unha mensaxe de apoio a todas as familias que sofren en primeira persoa as consecuencias da pandemia da Covid-19 e mostrou a súa admiración polo traballo de Miguel de Lira. Pola súa banda, o homenaxeado agradeceu o premio ao Concello de Padrón por ser o promotor do mesmo premio, ao xurado e a propia figura de Maruxa Villanueva. “Admiro moito a todos os membros do xurado deste premio, penso que todos eles serían merecedores deste galardón”, sinalou o actor. “Dende que me comunicaron que ían darme este premio comecei a investigar sobre a figura de Maruxa Villanueva, e tócame o corazón ver como a xeración desta actriz e cantante tiveron que defender o galego e desenvolver a súa traxectoria dende o exilio. Eu teño a sorte de poder facelo dende aquí, e temos que ser conscientes de que esta sorte débese a todas estas persoas que protexeron e impulsaron o arte galego nas súas distintas vertentes. A cultura galega, malia que agora pode estar ferida, está viva grazas a súa loita”, explicou Miguel de Lira

Firme aposta por desfrutar da cultura nunha contorna segura

Neste contexto, Antonio Fernández Angueira defendeu a cultura e reivindicou a necesidade de seguir apoiando a este sector. “Dende o executivo que dirixo afanámonos por defender a cultura e por promovela e nestes momentos tan complicadas consideramos que desfrutar do arte, do cine, da música e do teatro é máis necesario que nunca”, sinalou o rexedor padronés.

Dende a concellaría de Cultura presentaron recentemente un programa cultural moi completo, no que se inclúen actuacións musicais, teatrais, e proxeccións cinematográficas, tanto para público adulto como infantil. A organización deste proxecto realizouse segundo os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias. Así, as condicións e as medidas hixiénico-sanitarias establecidas son moi estritas, tanto é así que o aforo está limitado ao 35% da capacidade do auditorio. 

Comentarios
Lo más