A USC mellora a optimización enerxética das súas infraestruturas

A USC mellora a optimización enerxética das súas infraestruturas
A USC mellora a optimización enerxética das súas infraestruturas

A Universidade acometerá reformas no edificio Intercentros de Lugo, na Piscina Universitaria, na Residencia Burgo das Nacións, e nas Facultades de Psicoloxía e Ciencias Económicas e Empresariais, na procura dunha enerxía máis limpa e sostible

“Unha economía máis limpa e sostible”, nesta afirmación a USC fixa un dos seus obxectivos en materia de compromiso medioambiental. A institución académica iniciará unha serie de intervencións en diversos centros de Lugo e Santiago que buscan avanzar nun uso máis eficiente dos recursos enerxéticos e, deste xeito, contribuír á materialización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) promovidos por Nacións Unidas. Neste senso, a Universidade acaba de obter financiamento procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), para mellorar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de CO2 na edificación e nas infraestruturas. O custo total das operacións achégase aos dous millóns de euros, dos cales o 80% financiarase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. 

Concretamente, as intervencións planificadas pola USC encádranse no punto sete dos ODS, o que fai referencia a botar man dunha enerxía limpa e accesible. A Residencia Universitaria Burgo das Nacións, a Piscina da USC, así como a Facultade de Psicoloxía e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais en Santiago de Compostela, serán beneficiarias, xunto ao Edificio Intercentros de Lugo, deste financiamento que lles permitirá avanzar en dirección a un uso máis eficiente dos recursos enerxéticos. O organismo encargado de seleccionar as operacións é o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Deste xeito, e no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, a Piscina Universitaria instalará na cuberta do edificio, paneis solares térmicos de alta eficiencia para produción de calor a utilizar na propia piscina e edificios colindantes. Esta operación desenvólvese en coherencia cos obxectivos dun programa que persegue favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores; o fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables; así como aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular, a biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020.

Pola súa parte, a Residencia Universitaria Burgo das Nacións recibirá fondos para a substitución de caldeiras de gasóleo por caldeiras de gas natural de condensación de alto rendemento. En relación ao alumeado, procederase á substitución da iluminación de incandescencia e fluorescencia por alumeado de tecnoloxía led. Nesta mesma liña sitúanse as melloras que se desenvolverán no Edificio Intercentros de Lugo, así como na Facultade de Psicoloxía e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais en Santiago de Compostela.

Comentarios
Lo más