Bugallo reivindica a aposta de Santiago pola innovación e as novas tecnoloxías

Bugallo reivindica a aposta de Santiago pola innovación e as novas tecnoloxías
Bugallo reivindica a aposta de Santiago pola innovación e as novas tecnoloxías

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, participou, vía telemática, na mesa inaugural das xornadas de industria de Maker Faire Galicia. O rexedor sinalou que o talento, a innovación, a economía circular, o medio ambiente e a dixitalización, son "elementos claves que van definir o futuro", e que marcarán o avance económico e tecnolóxico despois da crise sanitaria.

Sánchez Bugallo subliñou que estamos ante un escenario duro, difícil, moi complexo a causa da pandemia, "tamén a nivel económico". Pero é un contexto, continúa, no que "a historia experimenta auténticos aceleróns" e polo tanto, "cheo de oportunidades". "O mundo que vai saír desta crise vai ser un mundo con cambios moi importantes". Para o rexedor haberá un antes e un despois, polo que "é moi importante anticiparse e aproveitar eses ventos de cambio".

En Santiago, sinalou Sánchez Bugallo, unha cidade con máis de doce séculos de historia e unha universidade centenaria, "fixemos unha aposta pola innovación, polas novas tecnoloxías, pola biotecnoloxía, específicamente como motores de crecemento e desenvolvemento, xa antes da crise". Pero esta crise ten que supor, engadiu, un incentivo, "para intensificar e acelerar os esforzos que temos que facer. Neste sentido a innovación, o emprendemento, o talento e a dixitalización serán claves, marcarán nos próximos meses, nun futuro inmediato, quen pasa á cabeza ou quen queda no furgón de cola". En Santiago, engadiu, "imos traballar activamente para estar na cabeza".

Sánchez Bugallo agradeceu á organización de Maker Faire e aos participantes, que compartan "con nós" as súas experiencias, novas teconoloxías, que engadiu, chegaron para quedar. Aparte de Sánchez Bugallo, na mesa inaugural tamén participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta de Galicia, Francisco Conde; Marcos Saavedra, de MFG; Santiago Sesto, director de APD; e Ana Isabel Vázquez Reboredo, xerente da Cidade da Cultura.

Despois da mesa inaugural desenvolveuse unha charla sobre tecnoloxías para o mundo 5.0, na que especialistas en distintas áreas contaron como estas tecnoloxías poden cambiar o día a día. A continuación, falouse sobre o papel das aceleradoras no ecosistema maker, unha mesa na que se puido coñecer como un proxecto pode chegar a converterse nunha gran empresa se recibe un bo apoio. A mañá pechouse coa mesa "De Maker a Startup" na que se presentaron algúns proxectos que pasaron pola Maker Faire Galicia en pasadas edicións, e que conseguiron converterse en verdadeiras Startups de éxito.

A xornada retomarase pola tarde cun tema de gran interese e no que cada vez máis xorden proxectos innovadores que cambian os hábitos e forma de vida. Trátase dunha mesa sobre o impacto das novas tecnoloxías na alimentación e a saúde. Seguidamente terán lugar os primeiros pitchs dos proxectos seleccionados e que participarán na competición de proxectos. Tras os pitchs, Maker Faire continuará cunha mesa dedicada á dixitalización na industria da alimentación, un tema de gran interese no que se falará da aplicación de novas tecnoloxías á conservación de alimentos, ou como a dixitalización transformou radicalmente este sector ou algún exemplo de opensource na industria. 

Comentarios
Lo más