Preto de 300 familias amesás son beneficiarias do Programa Municipal de Alimentos

Preto de 300 familias amesás son beneficiarias do Programa Municipal de Alimentos
Preto de 300 familias amesás son beneficiarias do Programa Municipal de Alimentos

O Programa Municipal de Alimentos repartiu, por segunda vez no que vai de ano, alimentos non perecedoiros procedentes do FEAD (Fondo de axuda europea para as persoas máis desfavorecidas de España) entre as familias de Ames con escasos recursos. Preto de 300 familias foron beneficiarias desta axuda.


Conservas de froitas, verduras e peixe, pasta e arroz, legumes, leite, galletas e alimentos infantís. As familias adheridas ao programa municipal de alimentos reciben tres veces ao ano produtos de alimentación non perecedoiros. A semana pasada realizouse o segundo gran reparto do ano con fondos que proviñan do FEAD. Ao redor de 160 familias no Milladoiro e 130 en Bertamiráns recibiron a axuda nesta ocasión.

Cada familia recibe un lote de alimentos en función do número de persoas que forman a unidade familiar, así como das súas necesidades específicas, dependendo se hai lactantes, menores ou adultos con problemas de alimentación.

“Dada a difícil situación que estamos a atravesar, co peche de moitos negocios e o incremento do paro, as solicitudes para recibir axuda deste Banco Municipal de Alimentos van medrando como o demostra o incremento das reparticións e das cantidades”, manifesta a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, quen engade que “con este programa intentamos axudar na medida do posible a paliar as dificultades que teñen algunhas familias do noso concello para o acceso a unha alimentación adecuada; cos alimentos que se reparten sempre intentamos garantir almorzo, comida e ceas equilibrados. A estas grandes reparticións hai que sumar os repartos puntuais que se fan tódalas semanas, así como o reparto de froitas e verduras quincenais e as cestas saudables semanais”.

O Programa Municipal de Alimentos está xestionado pola Concellaría de Benestar Social. Fanse tres grandes repartos de alimentos ao ano. Os alimentos proceden principalmente de tres programas: o Fondo de axuda europea para as persoas más desfavorecidas en España, o fondo galego de garantía agraria e do banco de alimentos Rías Altas (Balrial).

Poden solicitar esta axuda as familias empadroadas no concello de Ames que carezan de medios económicos e precisen dela para satisfacer a necesidade básica de alimentación. Deben cumprir os requisitos establecidos na Ordenanza municipal reguladora da prestación de alimentos do Concello de Ames.

O programa artéllase a través dos técnicos do servizo, as educadoras familiares e os membros da brigada municipal de obras que se encargan de facer a descarga de alimentos e o traslado de ditos alimentos a UTS do Milladoiro e ao almacén de Bertamiráns. Adoitan ademais a colaborar no reparto os voluntarios e voluntarias da OVA.

Comentarios
Lo más