Piden que permanezan inactivos os pulsadores dos semáforos

Piden que permanezan inactivos os pulsadores dos semáforos
Piden que permanezan inactivos os pulsadores dos semáforos

O Grupo Popular solicítalle ao Goberno local que manteña a desactivación dos pulsadores dos semáforos e adopte a regulación supletoria que se considere máis pertinente segundo os casos 

A concelleira do Grupo Municipal Popular, Beatriz Cigarrán, presentará no vindeiro Pleno Ordinario un rogo para que o Goberno de Sánchez Bugallo manteña a desactivación dos pulsadores dos semáforos como medida para evitar un posible elemento de contaxio da Covid e se adopte a regulación supletoria que se considere máis pertinente segundo os casos. Os Populares solicitan tamén que, conforme ás dispoñibilidades orzamentarias, se contemple a incorporación doutros mecanismos na rede semafórica –entre eles os detectores de presenza- que supoñan unha alternativa efectiva para a seguridade, tanto sanitaria como viaria.

A concelleira Popular indicou que, nos últimos días, o seu Grupo Municipal ten recibido múltiples queixas sobre o abandono en determinados lugares dunha medida posta en marcha polo Concello para loitar contra a extensión da pandemia que nos está a afectar, consistente na supresión dos pulsadores nos semáforos para evitar os posibles contaxios que puideran producirse a través da manipulación destes elementos por parte da veciñanza.

Cigarrán remarcou que, neste momento, se descoñecen as razóns da reactivación destes elementos, precisamente, cando vimos de acadar un dos momentos máis álxidos de contaxios e cando temos aínda presente a gravidade e a incerteza desta situación.

O Grupo Popular considera que a inactivación dos pulsadores é unha boa medida para tratar de evitar posibles contaxios por esta práctica tan habitual e estendida na cotiá vida cidadá. Con todo, a concelleira Popular cree que pode ser necesario explorar novas alternativas, como teñen feito algúns concellos que comezaron a cambiar os pulsadores por outros de maior tamaño para poder accionalos, por exemplo, co cóbado.

Beatriz Cigarrán engadiu   tamén que podería ser máis aconsellable aplicar as novas tecnoloxías, conforme á estratexia de cidade intelixente na que a nosa cidade vén dando pasos desde hai anos. Así, o emprego de detectores de presenza, cada vez máis habituais e accesibles mesmo para usos domésticos, serían un mecanismo axeitado para incorporar de forma progresiva aos semáforos (co inicio dun modelo piloto).

Este dispositivo intelixente non só podería servir para unha mellora da  regulación semafórica, senón tamén para activar nos mesmos pasos unha iluminación cenital e/ou sinalización intelixente, tal e como hai tempo defendeu o Grupo Popular nunha iniciativa para achegar maior seguridade nos pasos de peóns con máis índice de atropelos no noso Concello.

Comentarios
Lo más