Juan José Nieto e Álvaro Goyanes repiten entre os investigadores máis relevantes para Web of Science

Juan José Nieto e Álvaro Goyanes repiten entre os investigadores máis relevantes para Web of Science
Juan José Nieto e Álvaro Goyanes repiten entre os investigadores máis relevantes para Web of Science

Na análise 2020 do ‘Highly Cited Researchers’, tómanse en consideración os artigos que se sitúan entre o 1% dos máis citados no seu eido entre os anos 2009 e 2019

Os profesores das Facultades de Matemáticas e Farmacia, Juan José Nieto e Álvaro Goyanes, figuran un ano máis como os dous investigadores máis citados da USC no Highly Cited Researchers 2020. A máis recente listaxe que elabora anualmente o grupo Web of Science recoñece os investigadores que demostraron un influxo significante a través da publicación de múltiples artigos, altamente citados, na última década.

A listaxe deste ano inclúe a 6.167 investigadores e investigadoras procedentes de 60 países e rexións. Na análise 2020 do Highly Cited Researchers, os artigos tomados en consideración foron os publicados e citados entre 2009 e 2019 e que logo se situaron no 1% dos máis citados dentro do seu eido.

Currículos

O profesor Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. Lidera o grupo de investigación ‘Ecuacións diferenciais non liñales’ e, na actualidade, traballa na predición do avance da pandemia da COVID-19 a través de modelos matemáticos. O seu ámbito de traballo investigador, aínda que de carácter básico, potencialmente posúe utilidade práctica aplicado ao estudo de diversos temas da Física, a Bioloxía, a Epidemioloxía, a Medicina ou na Bioinformática, co desenvolvemento de algoritmos máis eficientes para a comparación de secuencias xenéticas. Asemade, o catedrático da USC foi elixido o pasado setembro coordinador da Rede de Institutos Universitarios de Matemáticas (RedIUM). O tamén director do Instituto Universitario de Matemáticas da USC (IMAT) pasa a ser, polo tanto, representante da RedIUM no Consello Xeral do Comité Español de Matemáticas (CEMAT).

Pola súa banda, Álvaro Goyanes traballa no eido da impresión 3D de medicamentos con doses personalizadas e é co-fundador e director de desenvolvemento da start up FabRx, a primeira compañía dedicada á impresión 3D de medicamentos personalizados. Asemade, publicou máis de 50 artigos e é un recoñecido experto mundial neste tipo de impresión con máis de 100 comunicacións a conferencias internacionais. Goyanes foi un dos primeiros investigadores en avaliar as oportunidades da impresión 3D utilizando novas tecnoloxías para fabricar formas de dosificación oral. Alén de impartir clase na USC, Goyanes é profesor honorario na School of Pharmacy da University College de Londres.

Comentarios
Lo más