Propoñen modificar a Ordenanza de circulación para favorecer o uso da bicicleta en Santiago

Propoñen modificar a Ordenanza de circulación para favorecer o uso da bicicleta en Santiago
Propoñen modificar a Ordenanza de circulación para favorecer o uso da bicicleta en Santiago

O BNG defenderá no pleno unha iniciativa que inclúe propostas da asociación Composcleta 

O BNG proporá no Pleno a modificación e actualización da Ordenanza de circulación e uso da vía pública para favorecer a utilización da bicicleta concibida como un vehículo alternativo, ademais de incluír medidas desde a perspectiva da defensa dunha mobilidade sustentábel.

Para iso, propón crear unha comisión integrada por representantes dos grupos municipais, persoal técnico e asociacións de referencia no ámbito da mobilidade na cidade, como Composcleta.

A Ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública foi aprobada o 6 de marzo de 1998 e modificada puntualmente até en cinco ocasións para a súa adaptación a normativa elaborada con posterioridade. Desde aquela, transcorridos máis de 20 anos desde a entrada en vigor desta ordenanza, a mobilidade en Santiago de Compostela cambiou de xeito substancial, tanto polo crecemento de determinados barrios como pola transformación social no relativo a uso e modelos de transportes, aparcadoiros, hábitos de vida, fluxos de entrada e saída da cidade e xeitos de desprazamento.

En concreto, no relativo ao uso de bicicletas o artigo 27 tan só recolle catro puntos que non consideran que se trata dun vehículo alternativo, nin ofrece unha perspectiva da defensa dunha mobilidade sustentábel, a comezar porque non se pode equiparar unha bicicleta a un vehículo de motor. Todo isto fai imprescindíbel unha normativa específica que favoreza a súa utilización, promova o seu uso e, atendendo ese criterio, regule dunha maneira diferente e moito máis precisa a súa circulación.

Ademais, esta ordenanza debe prever a creación de vías sinalizadas para facilitar o uso de bicicletas, que resultan idóneas para contribuír a reducir a proliferación de vehículos privados a motor, na procura de contar con medios de transporte sustentábeis que tamén contribúen á saúde física e mental das persoas usuarias.

Para iso, é necesaria a pacificación ou restrición de tráfico de coches que se poden adoptar con medidas de separación de carril bici, definir rúas con dirección única de vehículos e uso exclusivo de bicicletas no outro carril, ademais de maior sinalización e limitación de velocidade para favorecer a convivencia con ciclistas, como demanda a asociación Composcleta. A pacificación do tráfico e a prioridade das bicicletas ten que estenderse a todo o ámbito urbano e debe estar recollida da redacción desta ordenanza.

O Concello de Santiago ten que avanzar e liderar o uso da bicicleta. Para iso faise necesario estabelecer carrís bici en zonas periurbanas, traballar para que sexa unha realidade a unión co Milladoiro, con maiores medidas de seguranza, para conseguir unha mobilidade sustentábel mediante a creación de sendas ciclistas e peonís accesíbeis, segundo inclúe a proposta do BNG.

Comentarios