A Asociación de Concellos do Camiño Inglés pon en marcha a creación dunha rede de establecementos turísticos de atención ao peregrino

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés pon en marcha a creación dunha rede de establecementos turísticos de atención ao peregrino
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés pon en marcha a creación dunha rede de establecementos turísticos de atención ao peregrino

Nesta fase inicial poderán adherirse un máximo de 32 establecementos, 2 por municipio, que deberán enviar as súas solicitudes a xerencia@caminoingles.gal antes do 15 de decembro

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración cos 15 municipios membros e a Deputación da Coruña, vén de poñer en marcha un proxecto para a creación dunha rede de establecementos hostaleiros emprazados ao pé do Camiño que ofrezan unha atención de calidade aos peregrinos e peregrinas. Unha iniciativa que nesta fase inicial está aberta á participación dun máximo de 32 establecementos, dous por cada municipio que forma parte da Asociación, e que deberán enviar as súas solicitudes a xerencia@caminoingles.gal antes do 15 de decembro.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, explica que “é un primeiro paso para poder ofrecerlles aos peregrinos uns servizos e unha atención da máxima calidade, sobre todo naqueles tramos onde non se está prestando ningún servizo a día de hoxe. Pretendemos iniciar esta fase con 32 establecemento e o obxectivo é poder traballar en rede con todos eles e manter un equilibrio territorial, xa que o que queremos é que haxa establecementos asociados ao longo de todo o Camiño Inglés”.

Nestes momentos, dende a Asociación estase a realizar unha diagnose da situación de partida en colaboración cos 16 municipios membros, identificando proxectos de carácter local relacionados coa gastronomía quilómetro cero (como os da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo) e visitando unha mostra de empresas situadas a pé do Camiño. Con esta información elaboraranse as bases reguladoras da rede, que establecerán os requisitos de calidade, sostibilidade, prevención da Covid-19 e emprego de produtos locais que deberán cumprir os establecementos adheridos. Paralelamente, estase a deseñar a imaxe de marca que representará á rede.

Adhesión de establecementos

Nesta fase inicial de constitución da rede poderán adherirse un máximo de 32 establecementos, dous por cada un dos concellos que conforman a Asociación de Concellos do Camiño Inglés. A convocatoria, que estará aberta ata as 14:00 horas do 15 de decembro, está aberta a aloxamentos, restaurantes e cafeterías con servizos de almorzos, comidas e ceas que estean situados a non máis de 200 metros do trazado do Camiño Inglés. En caso de que nun municipio haxa máis de dúas solicitudes valorarase que o local conte habitualmente con peregrinos como clientes, que empregue produtos agroalimentarios e/ou pesqueiros de proximidade, que estean comprometidos co medio ambiente, que teñan interese no traballo en rede, que conte con medidas implantadas para a prevención do contaxio pola Covid-19 e que estea disposto a crear un menú especial para os peregrinos baseado en produtos locais.

“A nosa idea é que poder ofertar un Menú do Peregrino, preparado cos mellores produtos locais, nesta rede de establecementos”, explica o presidente da asociación, quen fai fincapé en que “sabemos que localidades como A Coruña, Santiago, Ferrol, Betanzos ou Pontedeume teñen un número maior de establecementos susceptibles de entrar nesta marca de calidade, polo que imos comezar con dous locais por municipio pero coa idea de que cada ano poidan incorporarse máis empresas e tamén outros tipos de establecementos”.

Inscrición

As empresas que desexen formar parte da rede deberán solicitar o modelo de adhesión a xerencia@caminoingles.gal. A Xerencia da Asociación de Concellos do Camiño Inglés enviaralles a documentación para que a cubran e lla envíen de volta axuntando copia do DNI do representante legal da empresa e o CIF da mesma. Seleccionaranse as dúas primeiras empresas que envíen o formulario de cada concello e que cumpran cos criterios de selección establecidos. As demais empresas formarán parte dunha base de datos da Asociación para futuras incorporacións.

A xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, explica que “as empresas adheridas a esta rede terán unha serie de vantaxes e un tratamento preferente en canto ás actividades que leve a cabo a Asociación como inclusión gratuíta nos soportes de difusión e promoción da entidade, participación nos programas de formación e capacitación ou presenza en feiras de turismo, eventos promocionais ou viaxes de medios a nivel nacional ou internacional”.


Comentarios