#25N_USC: en loita contra a violencia machista

#25N_USC: en loita contra a violencia machista
#25N_USC: en loita contra a violencia machista

A difusión dun manifesto lido por diversas voces da comunidade universitaria centra o programa de actos que a USC impulsa co gallo do 25N, ‘Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres’, e que contará con lemas, webminars, seminarios e mesmo performances pola cidade de Compostela

A axenda de actividades que a USC impulsa co gallo de conmemorar este mércores 25 de novembro o ‘Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres’ evidencia o compromiso da Universidade na loita contra o machismo e todas as súas manifestacións. A lectura dun manifesto no que participarán distintos membros da comunidade universitaria e que se difundirá de xeito virtual o 25N nutre varias semanas ateigadas de accións para poñer o foco na necesidade de estratexias e accións que lle poñan un freo efectivo á violencia machista.

Neste senso, o ciclo de conferencias sobre os resultados dos distintos proxectos de investigación concedidos dentro da convocatoria da USC para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, constará de diversos webminars que abordarán a violencia contra as mulleres dende diversas perspectivas. Así, o mesmo 25N, ás 17.00 horas, trazarase un diagnóstico  do  acoso  sexual  e  o  acoso  por  razón  de  sexo, orientación sexual e identidade de xénero na USC.  Este foro que poderá seguirse en liña é o resultado dun proxecto liderado por María José Méndez Lois e no que toma parte a relatora da xornada e investigadora, Milena Villar Varela. A sesión estará moderada pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. O outro dos webminars corresponde a un proxecto coordinado polo profesor Fernando Lino Vázquez González e levará por título ‘Prevalencia da violencia sexual, correlatos e psicopa-toloxía asociada en universitarias’. Tamén en liña e xunto a Vázquez González, intervirá no foro a investigadora Lara López Ares. A sesión desenvolverase o 2 de decembro ás 17.00 horas.

A difusión do  libro dixital 7 relatos curtos contra a violencia de xénero cos relatos finalistas do III Concurso de relatos curtos centrados nesta temática, nutrirá o programa de actividades dunha semana na que tamén se darán a coñecer, a través das redes sociais da USC, os textos gañadores do VI Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero

Axenda en Lugo e Santiago

As diferentes Facultades e Escolas da USC súmanse á reivindicación deste 25N a través de diferentes actos. Así, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo elaborará un collage de fotos individuais con lemas en contra da violencia machista, alén de realizar un  photocall o mesmo día 25. Pola súa parte, a Facultade de Formación do Profesorado impulsa o relatorio en liña ‘A trata: unha forma de violencia de xénero’ que se desenvolverá o venres 11 de decembro ás 10.30 a través de Teams e que correrá a cargo de Daniel Bóveda Castro, coordinador da ONG ACCEM Vigo. O lema ‘A Facultade de Ciencias di Non a Violencia de Xénero’ será difundido por este centro a través das súas canles de comunicación social, así como o ‘Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso  por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero’.

A violencia económica centra o seminario que na Facultade de Dereito impartirá a relatora Belén Trigo García a partir das 12.30 horas do 25N, na sala de xuntas do centro. O 3 decembro, ás 13.00 horas, tamén na Facultade de Dereito, será a quenda de Alicia Villalba, quen profundará na prevención do acoso sexual universitario. As inscricións para os dous relatorios deben efectuarse a través do enderezo zderdeca@usc.es

Pola súa parte, o alumnado das titulacións de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria, baixo a coordinación do profesor Jorge García Marín, desenvolverán o mesmo 25N diversas performances en diferentes puntos da cidade de Santiago para denunciar a situación das mulleres vítimas de violencia machista.

A Facultade de Óptica e Optometría elaborou un folleto específico para reivindicar a loita contra a violencia machista neste 25N que difundirán en redes socias e proxectarán na pantalla do centro. Asemade, a realización dunha fotografía conmemorativa na porta principal da Facultade de Química ás 12.00 deste mércores completa unha xornada na que tamén se desenvolverá a actividade ‘A loita tendida’, a cal consistirá en "tender" nas entradas da Facultade de Psicoloxía as camisetas e pósters da campaña ‘Compostela en negro’ característica do  25N.

Comentarios
Lo más