Propoñen elaborar unha campaña de prevención do suicidio, terceira causa da mortalidade de mulleres en Compostela

Propoñen elaborar unha campaña de prevención do suicidio, terceira causa da mortalidade de mulleres en Compostela
Propoñen elaborar unha campaña de prevención do suicidio, terceira causa da mortalidade de mulleres en Compostela

Ante un previsíbel aumento de problemas de saúde mental no contexto da pandemia da COVID-19 faise necesaria unha intervención directa máis eficaz

O BNG defenderá no Pleno unha proposición para elaborar unha campaña de prevención do suicidio, que é a terceira causa de mortalidade de mulleres en Compostela, xunto cun Programa de Intervención Intensiva da Conduta Suicida na área de Santiago de Compostela, por parte da Xunta, para que conte cun equipo específico de persoal sanitario e os recursos humanos e económicos necesarios neste ámbito.

O grupo municipal do BNG ve con preocupación as cifras de suicidio que rexistra a área urbana funcional de Santiago de acordo co informe do Comité Socioeconómico de Crise Compostela Móvese COVID19 deste mes de novembro. Nos datos deste documento, a Área Urbana Funcional (AUF) de Santiago de Compostela sitúase nunha posición problemática na taxa de suicidios e lesións autoinflixidas, onde a cifra é 14,6 por cada 100.000 habitantes, cando a media está nos 7,2, o que supón que a de Santiago é un 203,5% con respecto á media.

Ademais, nos datos do “Atlas de Mortalidade” para Compostela, documento que tamén se manexa no Consello Municipal de Saúde, obsérvase que o suicidio en mulleres é a terceira causa de mortalidade, mentres que en homes é a 13ª, polo que tamén se pon de manifesto unha alta feminización do suicidio na área de Santiago de Compostela.

Segundo explicou a concelleira Navia Rivas, tendo en conta as circunstancias socioeconómicas actuais no contexto da pandemia da COVID-19, ante un previsible aumento de problemas de saúde mental no noso país e tamén do número de suicidios nos próximos anos, xa que está comprobada a correlación entre as dificultades económicas e o suicidio, faise necesario poder acceder a datos máis próximos no tempo para unha intervención máis eficaz, así como adoptar medidas urxentes de cara á prevención deste tipo de condutas no concreto, e de cara á mellora da atención á saúde mental no plano mais xeral.

“Para pór fin a esta situación en que as condutas suicidas son un claro problema na área do noso concello, aínda que estea silenciado por diversos motivos, faise necesaria a creación dunha unidade específica de prevención do suicidio e atención a persoas con condutas suicidas ou de autolesión, así como a elaboración de campañas de concienciación sobre esta problemática e de prevención do suicidio, co fin de que teñamos unha atención máis eficaz tanto ás persoas con condutas relacionadas co suicidio, repercutindo nunha mellor atención aos problemas de saúde mental en Santiago de Compostela”, sinalou a concelleira.

Comentarios
Lo más