Un total de 88 empresas beneficiaranse das axudas para a mellora e innovación do sector da restauración e hospedaxe

Un total de 88 empresas beneficiaranse das axudas para a mellora e innovación do sector da restauración e hospedaxe
Un total de 88 empresas beneficiaranse das axudas para a mellora e innovación do sector da restauración e hospedaxe

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a listaxe empresas beneficiarias da "convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e hospedaxe compostelá. Plan de reactivación do sector turístico COVID19".

Son en total 88 empresas que percibirán, en conxunto, 138.333,84 euros repartidos en tres liñas de subvencións:

Liña A. Axudas para investimentos na adecuación física dos locais, TICs e innovación: 70.508,44 euros.

Liña B. Gastos de comunicación, realizada en lingua galega e/ou noutros idiomas que contribúan a unha mellor atención da clientela turística recibida no establecemento: 20.978,84 euros.

Liña C. Outros gastos correntes xerados na adecuación dos negocios necesarios por mor da COVID-19: 46.846,56 euros.

As empresas podíanse presentar a unha, dúas ou tres liñas de axudas. O prazo de xustificación para percibir as subvencións remata o 30 de novembro.

Outros asuntos
O executivo local tamén aprobou a tramitación dun expediente modificativo de crédito por importe de 479.341,75 euros para atender o pagamento a Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia SAU da sentenza 154/2020, polos maiores custes desde 2010 ata decembro de 2015, na xestión das instalacións de abastecemento de auga potable, rede de sumidoiros e augas residuais.

A maiores, acordouse prorrogar o contrato subscrito coa empresa Ferrovial Servicios SA para a prestación do "Servizo de dinamización e mediación sociocultural da rede de centros cívicos do Concello de Santiago de Compostela" por un importe de 560.122,74 euros e por un prazo de seis meses a contar dende o 1 de decembro de 2020.

Tamén se aprobou o texto de convenio coa "Asociación de Padres, Profesionales y Amigos de Personas con Discapacidad Intelectual Special Olympics Galicia" no que se recolle unha subvención nominativa por valor de 3.500 euros, destinados á financiación das actividades de Maratón Urbano e á Marcha Ciclista Unificada Special Olympics de Galicia. 

Comentarios
Lo más