O videoclip 'Camiñares' completa a 'Triloxía Meiga'

O videoclip 'Camiñares' completa a 'Triloxía Meiga'
O videoclip 'Camiñares' completa a 'Triloxía Meiga'

O cuarto elemento, o aire, vén representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos, Andrea Pousa.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación de Camiñares, o terceiro videoclip da Triloxía meiga, da compañía Queiman e Pousa, coa que en outubro se inaugurou a publicación de traballos dixitais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que a peza audiovisual destaca “a beleza do Camiño de Santiago e os valores de autocoñecemento, de amizade e de convivencia que esta rota propicia, valores expresados en lingua galega, que é a que usan todos os materiais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021”. Xunto con Valentín García, interviñeron na presentación a cantante Andrea Pousa, e o Bruxo Queiman. 

O videoclip Camiñares, ambientado no Camiño de Santiago, está visible xa no Portal da Lingua Galega xunto cos outros dous vídeos que compoñen a Triloxía meiga: Axendados e Alalá meigo. Cada un deles está dedicado a un dos seguintes elementos da natureza: terra, auga e fogo, respectivamente. O cuarto elemento, o aire, vén representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos, Andrea Pousa. Todos estes traballos teñen por obxectivo a divulgación e fomento do patrimonio cultural de Galicia e empregan distintas artes (danza, música, circo...) para alcanzar esta meta.

Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021

No marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid- 19, a Xunta de Galicia promove a creación dun repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega no que se inclúe a iniciativa presentada hoxe. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Comentarios