Loisa Lariño Mora, premio Cátedra Aquae 2020
A estudante do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible da USC acaba de ser recoñecida polo seu TFM ‘Deseño dun sistema fotovoltaico de bombeo e tratamento de auga como parte dunha acción de boa vontade’
A estudante do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE) da USC, Loisa Lariño Mora, acaba de ser galardoada co Premio Cátedra Aquae 2020 polo TFM titulado ‘Deseño dun sistema fotovoltaico de bombeo e tratamento de auga como parte dunha acción de boa vontade’, merecedor desta distinción “de forma unánime debido á súa calidade científica e interese social”, tal e como sinalou o xurado. Este certame ten como obxectivo promover e recoñecer traballos de investigación de calquera disciplina sobre a auga.
Este premio de ámbito estatal recoñece non só o traballo realizado pola estudante e pola súa directora Ángeles López Agüera, senón que tamén pon en valor o “extraordinario escenario formativo que ano a ano está a consolidar a este Máster a nivel estatal”, apunta o coordinador do mestrado, José A. Rodríguez Añón. Este labor xa foi recoñecido nas dúas últimas edicións do ‘Climathon. A Global Climate Action Programme’, realizadas en Santiago de Compostela, onde os estudantes do MERYCSE foron os gañadores á mellor idea. “Estes recoñecementos animan e fortalecen a intención de converter o MERYCSE e a Facultade de Física en referentes internacionais no seu campo e poñer a USC na vangarda en temas de sustentabilidade, desenvolvemento de estratexias enerxéticas responsables e eficientes, así como liderar iniciativas que axuden a combater e mitigar o cambio climático”, apunta o profesor Rodríguez Añón.