O Concello súmase ao Día da loita contra a SIDA

O Concello súmase ao Día da loita contra a SIDA
O Concello súmase ao Día da loita contra a SIDA

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou esta mañá os actos conmemorativos do Día da loita contra a SIDA, que se celebra o martes 1 de decembro. Estivo acompañada por Alfredo Saborido, da Asociación Sexus.

O día mundial da loita contra a SIDA celébrase, desde 1988, o 1 de decembro, data na que foi diagnosticado o primeiro caso desta pandemia. Cada ano este día está dedicado a unha temática diferente e neste 2020 elixiuse o lema "solidariedade mundial, responsabilidade compartida". O lazo vermello é o símbolo mundial da solidariedade coas persoas VIH positivas.

"A covid-19 estanos a demostrar que ninguén está a salvo ata que todos estamos a salvo", indicou a concelleira Mila Castro, que fixo fincapé na importancia de "non deixar atrás a ninguén na loita contra as pandemias" así como de eliminar o estigma e a discriminación de quen as sofre.

O Concello de Santiago, desde o servizo de prevención de drogas da Umad, colabora, ao longo destes últimos anos, na difusión das ideas centrais desta conmemoración: concienciación, apoio e visibilización da enfermidade.

Nesta ocasión levaranse a cabo varias accións; a primeira delas, a lectura dun manifesto que terá lugar o propio 1 de decembro na praza do Obradoiro.

Tamén se organizarán catro mesas temáticas a desenvolver en catro días do mes. Nelas abordarase a situación actual da pandemia, os avances na súa detección e tratamento, a prevención e as liñas de futuro da VIH-SIDA. Organizadas en colaboración coa Asociación Sexus, retransmitirase por streaming a través da páxina web municipal e da canle de YouTube do Concello.

Así mesmo, a UMAD elaborou un mapa plegable da cidade onde se sinalan os puntos nos que se pode facer a proba rápida da VIH-SIDA e como se debe proceder. Esta guía de bolsillo fíxose en colaboración coa asociación Avante LGTB.

Por útlimo, desde o día 1 de decembro de 2020 as 00:00 horas ata o día 7 de decembro as 00:00 horas, as Torres Hejduk da Cidade da Cultura e o Pazo de Raxoi iluminaranse de vermello para apoiar e dar visibilidade a unha pandemia que afecta a 38 millóns de persoas en todo o mundo, segundo cifas de ONUSIDA. 

Comentarios
Lo más